ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa
27 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Estar no teu sitio e saber en que sitio estás parece ser lei inexorable da condición humana. É difícil cambiar de sitio e que non se saiba onde estás. Estas semanas comprobei como, se levas conectado o teu teléfono móbil, a compañía sempre sabe onde estás e en canto atravesas unha fronteira recibes unha mensaxe de texto do teu operador dándoche a benvida a ese sitio. Os atracadores buscan sitios para atracar: o outro día descubriuse un atraco nun banco de Internet, que tamén denomina e clasifica a súa xeografía virtual utilizando a palabra sitio. Sitios que están en ningunha parte. Agora sabemos que hai xente en sitios do Bierzo que queren seguir no mesmo sitio pero que o seu sitio sexa tamén Galicia. Eles non se queren mover do sitio pero queren ser doutro sitio. Pateras Os centos de cidadáns africanos que están chegando habitualmente en patera ás costas andaluzas queren, sen embargo, estar en calquera sitio que non sexa o seu sitio. Hai vascos que queren que o seu sitio sexa España e vascos que queren que o seu sitio sexa Euskadi. O ex-asesor de El-Rei, Fernández Campo, di que está en perigo a unidade de España. Pero te poñas no sitio que te poñas o que está en perigo é a paz e a vida humana. Un australiano busca o seu sitio warholiano na fama mediática tratando de apagar reiteradamente o facho olímpico dos xogos que se van celebrar no seu sitio. Debería haber sitio para todo e para todos.