VÍCTOR F. FREIXANES MAR DE FÓRA
25 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Se algo ten este país universalmente aceptado son os seus productos naturais e, por extensión, a súa gastronomía, fundamentada na calidade indiscutible dos mesmos. A tradición vén de vello: en mar, da memoria dos cataláns, que viñan buscar a sardiña, e en parte, dos veraneantes ricos de finais do XIX e principios de século, aquel señorío de Madrid, xente da política ou das letras, que constataron e pregoaron logo tanta riqueza. «Para peixe fresco, Vigo», di o cantar. «Para camarón, Moaña...». Os restaurantes de Barcelona e Madrid, cando empezou a funcionar a cadea de frío e o transporte nocturno por estrada e ferrocarril, fixeron o resto. Galicia (os productos galegos) é neste ámbito unha marca obxectiva de calidade: un valor engadido. Non hai máis que lle botar unha ollada ás cartas dos restaurantes por aí fóra (e mais ós prezos). O problema aparece cando, por falta de previsión, de planificación ou de intelixencia e coidado, a demanda se dispara, a oferta non se controla e a avaricia acaba rompendo o saco. Tamén se pode morrer de éxito. Nas últimas décadas a demanda de productos galegos no mercado da restauración e o consumo alimentario é claramente superior á capacidade de producción do país. Calquera observador desta realidade o sabe (aínda que non sempre o diga). O que podería e debería ser motor de desenvolvemento estratéxico, planificación de recursos e ordenamento de cultivos de calidade, corre o risco de se converter no reino do matute, paraíso de logreiros, se non reaccionamos a tempo: camarón de Moaña que non é de Moaña, polvo de África, ameixas de Carril que chegan do Mediterráneo, ostras e centolas francesas, ¡sardiñas rusas!, lampreas de Francia, de Portugal e de Irlanda; pimentiños de Murcia, viño de Zamora... Aquí póñenlles a etiqueta made in Galicia e a encher. Benditos os ovos mentres dure a galiña. Hai miles de toneladas circulando así polos mercados. Se cadra estamos a perder outra oportunidade histórica de modernización. Algúns productores demandan a denominación de orixe. Mais o país, agás excepcións contadas (que algunha hai), está afeito a vivir no curto prazo, obsesionado polo inmediato, incapaz de investir en melloras cualitativas ou proxectos, que son ó cabo a garantía do futuro. É un dos nosos principais defectos. Actuamos como se o futuro non existise. Ou como se todo fose durar sempre.