VÍCTOR F. FREIXANES MAR DE FÓRA
20 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Unha parte da cultura social norteamericana apóiase no espectáculo. Case que todo é espectáculo, é dicir: obxecto de uso e consumo, cuantificación obxectiva de públicos, audiencias e mercados. O proceso electoral que se está a desenvolver estas semanas, coa presentación oficial de candidatos por parte dos partidos conservador e demócrata, é un claro exemplo. Case que nada queda á improvisación. De feito, a comunicación (non necesariamente a información) e os cada vez máis sofisticados sistemas de acceso ás audiencias (tecnoloxía, contidos, mecanismos de control e medición) constitúen un dos sectores máis activos e de maior crecemento da economía norteamericana. Unha parte importante do sistema fundaméntase niso. Outra característica, sen embargo, é a capacidade de renovación interna. Renovación e actualización. Despois de dúas lexislaturas, Clinton deixa paso a Al Gore. Non é cuestión de boa ou mala xestión, é un principio do sistema. Igual sucede noutros niveis da Administración. Logo dun tempo no exercicio do poder o modelo esixe a substitución dos seus principais executivos. En realidade case é unha consecuencia do que comentabamos máis arriba: o público necesita rostros distintos. Todo cambia para que todo funcione e permaneza. Non hai sitio para eses grandes magnolios que, alzados coma xigantes no medio do xardín, non deixan que nada medre debaixo deles. A cultura política española aliméntase dos magnolios. Fraga Iribarne, Jordi Pujol, Arzalluz, Felipe González son eternos. Ou quixeran selo. O presidente da Xunta prometeu varias veces retirarse na seguinte lexislatura, igual que Aznar: dous mandatos e relevo, coma en USA, mais chegada a hora da verdade, recunca. Veremos o presidente do Goberno español, cando lle chegue o momento. ¿Non hai recambios? Nin cultura interna para crealos. A cultura do poder en España é vitalicia. Nos concellos, nos sindicatos, nos rectorados... Velaí o caso recente de Meilán Gil, modificando os estatutos da Universidade da Coruña para perpetuarse. Os partidos políticos, que deberían ser plataformas de formación e renovación, semellan cotos privados, territorios de dominio, cando non espacios feudais. Xa que tanto imitamos. Podiamos imitar un pouco máis, digo eu. Aínda que só fose pola saúde do xardín.