CONCORDE

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

20 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O progreso técnico é tan torpe e tan imperfecto que nos suministra continuamente metáforas da súa propia fraxilidade. Algún poema da filosofía posmoderna dos oitenta invocaba a épica fracasada do Titanic. Os postmodernos quixeron setenciar o fin da Historia negando o progreso pero cun exceso de escepticismo e de conformismo. Unha década despois, o Titanic é o mito cinematográfico máis popular e fascinante da Historia pero sen máis filosofía có glamour adolescente de Leonardo Di Caprio. A traxedia quixo poñer de actualidade nas últimas semanas outro mito xa frustrado do progreso técnico e das comunicacións, o esquecido Concorde. A tecnoloxía presuntamente futurista e ultrasónica do Concorde, hai vinte anos, fracasou novamente: ruidoso, caro e inseguro. E posiblemente tamén algo do que non se fala, amais de todo iso, inútil. ¿Qué utilidade ten reducir as seis horas de travesía aérea entre Europa e Nova York por moi interesante que iso poida ser para uns cantos e estresados homes de negocios franceses, británicos e alemáns? A magnificación do progreso técnico, fundamentalmente o do vinculado ás comunicacións, ten esas contradiccións. Se cadra, ós galegos nos últimos anos estásenos vendendo un enorme e errático Concorde de autovías, altas velocidades e aeroportos. Cando no dous mil e pico teñamos todo eso quizá detectemos a súa precariedade e de forma tan cutre coma o do malogrado Concorde. Simplemente estoupoulle unha roda.