LACROIX-DALÍ NA GRANELL, E UNHA HISTORIA...

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO

06 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

É unha sorte que Eugenio F. Granell legara a Galiza todo o que el significa, coa súa obra plástica, coa súa literatura, coa súa conducta e co seu exemplo, porque se outras institucións, sen dúbida moi importantes, nos están a dar obras dos clásicos, e outras a etnografía do pobo, e outras o máis moderno que se fai polo mundo adiante e tamén nos nosos eidos, a Fundación Granell, que toca preferentemente temas do surrealismo, e mesmo do seu entorno surreal, as cousas que trae e aporta ao panorama cultural de Galiza, que aínda non hai perspectiva pra evaluar a súa importancia, teñen historia e sobre todo teñen unha historia comprometida coa realidade ás veces dramática e outras veces cómica do noso tempo, deste século que estamos rematando, e que explica o dilema e a incertidume que nos ten atados. O fotógrafo francés Marc Lacroix e a súa dona Therese viviron un tempo con Dalí e con Gala no castelo de Pubol, someténdose os donos da mansión a unha moi longa sesión fotográfica, da que son unha mostra as 95 fotografías que expón, documentos da capacidade histriónica de Dalí, da que todos, incluído o fotógrafo e Gala, tiveron que someterse ao dictado do artista. Na exposición móstranse tamén unha colección de maniquíes representando ideas de inspiración daliniana, orixinais de Therese. Salvador Dalí, ademais da súa impronta surrealista e da parafernalia coa que foi pola vida, é un personaxe tan intelixente como contradictorio autoconstruíndo a mantenta. Se lle recorda como o disciplinado dibuxante que era, como a súa sinceira adhesión ao movemento surrealista, da súa colaboración con Buñuel e da súa amistade con Lorca. Tamén do seu éxito en París e da incorporación ao movemento surrealista da man de André Breton, quen pouco tempo despois, vendo as piruetas oportunistas que fai o de Figueres, o expulsa do surrealismo calificandoo de neo-falanxista, mesa de noite, ávida dólar. A enxurrada da guerra levou aos dous para América, mais por camiños e destinos ben distintos. Axiña o ávida dólar ficou preso desta moeda. Polos anos 50 eu aínda tiña cousas pendentes en Madrid. Os pintamonas que ficamos atrapados na España éramos moi poucos, porque os verdadeiros intelectuais e artistas estaban no exilio. Así, o Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes tiña moitas atencións con nós. Un día invitounos a recoller un libro de Dalí que rematara de chegar de Norteamérica. O libro tiña un selo en varias páxinas indicando que pertencía ao Ministerio e que tiña que ser devolto en poucos días. Era unha versión castelán e titulábase Recuerdos intrauterinos de Salvador Dalí (supoño que foi o precedente de La vida secreta). O libro era de escándalo, aínda hoxe non me atrevo a falar do que trataba. Metíase ata con Cristo e cos cristiáns ao través dunha imaxe escandalosa. ¿Que finalidade tiña que a institución franquista nos fixera coñecer esto? Pouco tempo logo outra invitación do Ministerio levounos a unha conferencia de Dalí no María Guerrero. Alí o coñecimos. Dalí, vestido de elegante Dartañán, empezou decindo: «Picasso es un genio, yo también; Picasso es comunista, yo tampoco». Logo de facer grandes loubanzas de Franco, nos leeu un telegrama que lle puxo a Picasso para que deixase de ser comunista... Por Radio París soupemos que a resposta de Picasso fixo pór moi colorada á telegrafista. E pouco tempo despois os norteamericanos instalaban as bases militares en España.