GUATEMALA

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

06 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Cos seus vestidos coloristas e o seu rostro irreversiblemente indíxena de lúa chea de razón, pasou por Galicia Rigoberta Menchú para participar nos Diálogos do Compostela Millenium Festival. Algún día os brancos teriamos que escoitar ós indíxenas para que nos aprendan a interpretar o canto dos paxaros ou a descifrar a escuridade da noite, se cadra, así entenderiamos as carencias propias que, por exemplo, nos levan a que o ecoloxismo para nós sexa moda e conciencia e para os indíxenas, sen embargo, antropoloxía e xenética espiritual. Pero, de momento e previamente, a nosa responsabilidade solidaria debería ser a de poñer os medios (xurídicos, económicos, políticos e humanos) para acabar coa barbarie e esclarecer os sucesivos xenocidios. Catrocentos corenta pobos destruídos, máis de cen mil civís asasinados, un millón de desprazados internos e máis de cen mil exilados en México, velaí a estatística macabra de trinta anos de guerra xorda e sórdida en Guatemala e a inutilidade dos Acordos de Paz de 1996 para superar democraticamente esa traxedia. Mal que ben, a mobilización e a presión mediática van servindo para poñer a Augusto Pinochet no seu sitio, sen embargo un insensato muro de olvido rodea a denuncia de Rigoberta Menchú na Audiencia Nacional de España contra os responsables da masacre da Embaixada en Guatemala (1980). Mentres, unha Premio Nobel da Paz está vivindo na semiclandestinidade no seu propio país e a causa dos dereitos humanos agoniza entre a prepotencia dos asasinos e a memoria escura das víctimas.