A «NOVA ECONOMÍA» E GALIZA

La Voz

OPINIÓN

CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO / Isaac Díaz Pardo

30 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai dúas cousas importantes para defender á nosa terra: unha, a lingua, sistema de comunicación que, anque deturpado, chega a nós ao través dos 40 anos máis mouros da nosa historia, confirmándonos que a nosa cultura diferencial ten unhas raíces moi fondas de gran resistencia frente a sectores que tentan eliminalas. A outra, aínda máis importante, é que a nosa terra sexa nosa. Alguén dixo que os mercados están por riba dos gobernos. Esto pode ser certo se os gobernos non teñen un respaldo patriótico dos seus pobos, e forza para se opor ás avalanchas dos mercadores. Os que procedían das terras dominadas por Castela e os portugueses foron os que fixeron, máis que os seus gobernos, ás nacións hispanoamericanas. E os comerciantes ingreses, xunto cos seus piratas, crearon as nacións norteamericanas. Os indios eran pobos atrasados na política e na defensa, e ante a forza dos mercadores europeos tiveron que deixarse colonizar en todos os sentidos, tamén no das linguas, e os gobernos europeos deixáronse ir por esta enxurrada, tentando sacar a millor tallada, bendecindo a operación cunha estrutura militar e relixiosa. (Fronte a esta realidade, as institucións que tratan da lingua deberían confesar que traballan só preparándoa para a liturxia). Quen ten as tixolas polo cabo dos resortes económicos e comerciais é quen impón as linguas, proceso ainda hoxe ben evidente nas Filipinas e en Puerto Rico, e que, coido, estamos empezando a padecer na Galiza coa neo-colonización que se nos está impondo, frente a que non temos forza ou padecemos cegueira. Pois non se trata de defender ideas autárquicas ou evitar o acceso de capital alleo a axudar, con interés, ás nosas empresas, sobre todo a aquelas que utilizan os nosos recursos naturais. Trátase de que se entregan ou se crean empresas que son totalmente dos foráneos, na súa explotación e no seu destino final. Unha das operacións máis escandalosas que se están montando é a da enerxía eólica, enchendo os nosos montes de molinillos de vento, con gran cabreo dos máis importantes xeógrafos e arquitectos-paixasistas da Galiza e de fóra. Pero o máis dramático desta operación deturpadora da nosa terra é que está pensada para servir intereses alleos co recurso dos nosos ventos, que pasan a ser propiedade de empresas inglesas, alemanas, ou madrileñas, completando así que o recurso máis valioso que é a enerxía, que era nosa, ficará xa toda ela en mans foráneas. E todo isto e cousas semellantes é porque se esconde detrais desa outra enxurrada propagandística da «nova economía» coa súa comunicación dixital que pasma e nos deixa coa boca aberta ante o cambio que lle van dar ao mundo, mentras que os vivos, os que están máis vivos, aproveitándose dos que estamos medio mortos, vánsenos quedando con todo. A práctica económica existiu moitos anos antes, cecais millóns de anos, que as teorías económicas e a estadística. Hai máis de dous séculos, Adam Smith pensaba que o egoísmo sustituía con ventaxa a calquer teoría economicista (virtude que nos ven nos xenes dende a selva, digo eu). E o neoliberalismo, que legaliza todas estas operacións que se fan có noso, vese que non cambeou dende o rexistro do Adam ese. Polo medio fracasou o chamado socialismo científico sen ter en conta a realidade humán. A loita contra a deflación, o pleno emprego, e outros saberes que nos deixou un inglés non nos serviu para que Galiza deixara de ser un país en almoeda.