CAMIÑO NOIA
23 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Hai cerca dun mes, día arriba ou abaixo, levei unha rabia ó atopar na miña biblioteca de mulleres El cuento de nunca acabar roído por uns bechos prateados que devoran o papel poroso e deixeino riba da mesa para reparar. É un bonito libro de artigos de Carmen Martín Gaite escritos entre 1973 e 1982, publicado por Trieste en 1983 e ilustrado por Francisco Nieva. Hoxe acabo de sabe-la triste noticia da súa morte e penso que quizais o do libro fose unha premonición do ataque mortal dos bechos do cancro. Collín o libro e lin La sazón y la desazón: «Da miedo emprender ruta porque cada paso adelante significa internarse en lo desconocido, enfrentarse con lo imprevisible. Pero no hay más opción que afrontar esos riesgos». Carmen xa está fronte ó imprevisible, xa rematou a aventura incerta da morte e oxalá que chegase ó mundo da felicidade. Martín Gaite foi a narradora da muller desdobrada, as figuras femininas na súa obra teñen dobre vida, actúan cara a fóra cumprindo co esixido ás mulleres da época e viven con intensidade outra vida interior, no desexo, na fantasía dun mundo persoal. Por iso é «a narradora das impotencias da muller» da súa xeración como a chamou Josep-Vicent Marqués. Esa escritora con raíces galegas foi un modelo de muller intelectual para a miña xeración. Soubo mostrarnos como con talento, independencia, discreción, teimosía e moito esforzo aínda desde a condición xenérica da muller se pode vivir sen submisións e traballar no que che guste. Non é doado, cómpre superar moitos atrancos nun mundo tan de homes, pero hai que saber buscar quen anime e apoie para seguir no rego. Hai uns días soubemos da morte de Anxel Valente. Carmen e Anxel recibiron ex aequo o Premio Príncipe de Asturias das Letras en 1988. Os dous eran da mesma xeración e os dous chegaran a Madrid desde provincias, unha expresión que a Carmen lle gustaba repetir cando se lle preguntaba polo seu pasado. E foi ela, a muller, a quen nesa celebración se lle encomendou a lectura do discurso de agradecemento, que en nome dos premiados quixo dirixir a Felipe de Borbón. Dixo que escribira «con mi mejor letra y procurando que no me tiemble el pulso». Para moitos críticos, méritos non lle faltaron para sentarse na Real Academia de la Lengua Española; faltáronlle valedores, porque como se adoita dicir «Mujer que sabe latín no puede tener buen fin», e con unha que haxa abonda de representación nunha institución tan conservadora..