Á MARXE / Carlos Casares
20 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Despois do artigo de onte, recordando ó querido amigo José Angel Valente, volvo ó tema do tren. Hoxe quero falar do apetito dos escritores, que nas recepcións oficiais asaltaban as mesas como se fosen unha pandilla de famentos. Algúns amigos faciamos con frecuencia bromas ó respecto ata que un escritor armenio nos dixo con toda a delicadeza do mundo que a mitade da xente que viaxaba no expreso, procedente dos países do Este, non estaba afeita a aquela clase de luxos. Quedamos todos bastante cortados, mesmo avergonzados. Posteriormente, un novelista ruso, que daba tamén clases na universidade, confesoume que coas dietas en dólares que recibiamos a diario para os nosos gastos podía vivir el no seu país durante dous anos. Esa era a razón de que nunca tomara unha copa nos bares dos hoteis, nin fora ós restaurantes. De xeito que no tren había dous mundos, o cal resultaba humillante para todos: para os ricos, por parecer ostentosos; para os pobres, por parecer tacaños. Unha lección de historia. Polo menos para min.