ISAAC DÍAZ PARDO. Os tecnócratas, os que coidan que a técnica o vai decidir todo, e apoiados na súa lucubración constrúen teorías que, sen decatarse, o van despegando da realidade e, cando dende as nubes caen polo seu propio peso e se esnafran contra o chan, culpan aos fanáticos de botalos abaixo, ou as guerras que paralizan as globalizacións, ou a eses famentos que nos desfán todo.
16 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Voando moi alto un pode non ver que hai fanáticos protexidos por invisibles demiurgos, e hai guerras por un quítamela esta palla, e hai famentos que non temen xogarse a vida por se desfacer da fame. Estes que voan tan alto non tiveron tempo a coñecer ben a experiencia histórica, e coidan que todo é prehistoria, que os novos tempos, a cabalo da comunicación dixital, o van cambear todo. Xa hai medio século dicían que as mulleres van parir sen dor, e non terán que alimentar aos fillos nos seus peitos como outros animais mamíferos. Logo, a realidade advertiu que a falla de función dos peitos podía acarrexar graves consecuencias, e quen era alimentado con mamadeiras artificiais notáballeses logo nos seus modais. Houbo que dar marcha atrás. Os que soben por escadas económicas e non pensan máis que nun desenvolvemento continuado chega un momento en que van caendo da burra. Os expansionistas, responsables da sociedade do lixo, ven dificultades, porque o lixo xa se viu enriba dun pobo costeiro da Coruña no que desapareceu un automovilista, e agora nas Filipinas un vertedeiro de lixo enterrou a máis de cen persoas. Non é estrano que Adrián Berry descreba os plans de expansión de hai 30 anos, nos que pensaban na colonización doutros planetas do universo para importar deles materias primas e exportar a eles o lixo da Terra. Estes plans, que máis parecen de cencia-ficción, están construidos por técnicos universitarios, que mirándose ao embigo do seu saber os construiron como cousas normais. Logo os implicados na explotación sen límites de todo o relacionado coa principal enerxía _o petróleo_ poden empezar a rexistrar problemas, antes de que se acabe o recurso. Como eso de Nigeria no que a poboación perforaba os oleoductos para roubar petróleo, e nunha desas estoupa todo e morren duascentas persoas. Os pobres teñen que roubar e invadir onde poden atopar millor vida, e estes problemas como os do fanatismo non se eliminan a cañonazos, hai que resolvelos sen a violencia das armas e das leises. Acó, na nosa terra estamos coas altas velocidades das estradas e dos trens. Menos mal que polo de agora están no mundo da ficción da propaganda e das promesas. ¿Para que tanta velocidade? ¿Para que cheguen máis rapidamente os alemáns ou os ingleses a encher os nosos montes de molinillos de vento, sustituindo aos nosos rumorosos? («Ay, sí señor, a nosa enerxía é toda autorrenovable, pero non é nosa». Se hoxe vivise Castelao poñería algo semellante na boca dalgún personaxe dos seus debuxos ante a sorpresa dunha ministra que se empeza a enterar das virtudes da nosa enerxía).