CONCHA COSTAS
15 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Sorprendia-nos La Voz de Galicia co anúncio da demisión do Director Xeral de Política Lingüística, Manuel Regueiro. E sorprendia polo momento e pola forma, non pola demisión en si mesma, que non foi máis que a confirmación formal dunha auséncia anunciada. Foi-se Manuel Regueiro dunha maneira máis ben triste, deixando tras de si unha xestión gris, con pontuais accións de grande impacto e pouca efectividade, caracterizada pola auséncia de planificación, polo despilfarro económico, pola incapacidade de anticipación e resposta e, sobre todo, pola falta de comunicación e diálogo coa maioria dos axentes sociais e organismos que traballan pola normalización da língua. Atrincheirada nos utópicos princípios do que el deu en chamar bilingüísmo harmónico, o seu invento máis rendíbel no camiño dunha bilingüilándia soñada, a sua xestión levou o galego a unha crecente situación de uso litúrxico e desamparo oficial e actuou en boa medida como tapón para a sua normalización social. É certo que houbo avances en determinados ámbitos, mais só faltaria que non fose así se temos en conta que falamos dun departamento que manexa anualmente case tres mil millóns. Con todo, seriamos moi inxénuos se pretendesemos atribuir a responsabilidade de tan caótica xestión só ao titular do departamento: Manuel Regueiro leva once anos no seu cargo, sempre avalado polo presidente da Xunta e é responsabilidade agora do executivo facer balanzo e garantir que, co nomeamento do novo responsábel da política lingüística deste país, se peche unha etapa. Pode ser bo momento para introducir cámbios de fondo. Precisa-se maior axilidade e maior achegamento á sociedade, máis diálogo, un Plano Xeral de Normalización Lingüística que coordine todas as actuacións neste campo e, sobre todo, precisa-se maior capacidade de incidéncia: hai tempo xa que demandamos unha Vice-Consellaria de Política Lingüística, que non dependa de Educación nen de Cultura, para conseguir maiores níveis de eficácia. En calquer caso, para o que non hai lugar é para o continuismo.