ASIGNATURA PENDENTE

La Voz

OPINIÓN

MAR DE FÓRA / Víctor F. Freixanes

15 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Vinte anos de autonomía. Vinteún dende a primeira presencia oficial da lingua nas escolas. Dezasete dende a Lei de Normalización Lingüística. Quince de CRTVG. Son case dúas xeracións, e varias promocións de rapaces e rapazas teoricamente escolarizados no chamado «bilingüismo harmónico». Non quero facer demagoxia. ¿Cal é a realidade do galego nas portas do novo século? O informe máis fiable é o estudo que no seu momento promoveu a propia Academia. Perdemos aceleradamente falantes. Certo que dende un punto de vista cualitativo a poboación conscientemente instalada no idioma é hoxe superior á da época dos nosos avós, pero unha lingua está viva se se desenvolve en tódolos ámbitos da sociedade, dende a célula familiar, que é a máis castigada pola Historia, ás institucións formais da denominada alta cultura. O galego, malia os pasos andados, ten aínda tódalas asignaturas pendentes. Fagamos autocrítica. É difícil de explicar que continúe habendo sectores que discuten a ortografía oficial e leven esa discrepancia ás aulas. ¿Cómo denominamos iso? ¿Irresponsabilidade? Por non falar da existencia de grupos políticos (nacionalistas) defensores da dobre ou da triple norma, segundo o ámbito de actuación ou as circunstancias. ¡Que verdes estamos! É dificilmente presentable a dobre moral dunha clase política que usa o idioma nos saraos e o traiciona logo na práctica diaria. A sociedade (os falantes) percibe estas cousas. Non hai máis que ollar para as Administracións Públicas. É inadmisible a falta de claridade informativa respecto dos fondos destinados á normalización... Admitamos que, logo de 17 anos, a política lingüística vixente tocaba fondo: burocratizada, incapaz de integrar novos sectores. Cómpre dar un paso adiante, abrir a porta. A oferta dos medios de comunicación multiplicouse por dez nos últimos anos, agás no noso caso. Ollade se non un quiosco de prensa, o dial da radio, as televisións... ¿Para cando unha Segunda Canle da TVG igual que os cataláns, os andaluces ou os vascos? A unidade familiar está desatendida. A mocidade apenas ten protagonismo. A Igrexa, a Banca, a Xustiza seguen alleas ós valores da lingua. Tampouco a empresa entendeu aínda a súa utilidade económica (identidade de marca). O galego é un activo social, un capital obxectivo, que hai que saber explicar. Isto non nolo van arranxar en San Millán de la Cogolla.