Á MARXE / Carlos Casares
14 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A chegada a Berlín, onte pola tarde, foi apoteósica: unha multitude aplaudindo na estación como se viñésemos de coroar o Himalaia. En realidade viñamos de pasar seis semanas fantásticas, cun montón de novos amigos e amigas, vivindo experiencias riquísimas e coñecendo a xente chea de interés humano. Cando remate a viaxe, que para min acabará o domingo pola noite, no momento en que chegue a Lavacolla, terei tempo de seguir falando con calma dos meus compañeiros e compañeiras do tren, pois penso que paga a pena. O traxecto de Varsovia a Berlín, para min empezou moi ben. O encargado do tren, a quen alguén lle comunicara antes que eu era un apaixonado dese medio de transporte, invitoume a viaxar na cabina cos maquinistas. Despois, amosáronme unha maqueta en miniatura e regaláronme un alfiler de cravata. Só me faltaba o que pasou logo: ó chegar a Berlín, na estación había cinco pancartas enormes cunha frase en alemán de outros tantos escritores. Unha delas era miña. Sentoume como se comera chocolate.