«BASEMENT TECTONICS 15TH» NA GALIZA DO 2000

La Voz

OPINIÓN

CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO / Isaac Díaz Pardo

09 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Trátase dun acontecemento de orde internacional, o 15 congreso que reuniu a xeólogos representando a universidades e centros de investigación de Alemania, Argentina, Australia, Austria, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Dinamarca, Francia, Holanda, Irlanda, Israel, Italia, Reino Unido, Nova Zelanda, Suiza, e loxicamente España e Portugal. Máis dun cento de científicos estudosos da nosa oroxenia herciniana, todos falando en inglés nas dependencias do Laboratorio Xeolóxico de Laxe da Fundación Parga Pondal, dende o 29 de xuño último deica o pasado sábado, día 8. Nin un só papeliño en galego ou en castelán, pois estas cousas de carácter científico teñen elexido o inglés para se poder entender. Hai que celebrar que este 15 Congreso Internacional da Tectónica do Basamento se celebre en Galiza. Craro está que este acontecemento ven coincidir con que este ano celebrarase o centenario do nacemento de Isidro Parga Pondal, figura xa mítica da xeoloxía. Logo de dicir que non fallaron apoios das institucións públicas e das universidades con cátedra de Xeoloxía, ademáis da Asociación Internacional da Tectónica dos Basamentos, convén relembrar que todo esto ten un antecedente de amor e saber polas cousas da nosa terra. Isidro Parga Pondal, xa polos anos 30 tiña publicado diversos traballos en alemán en colaboración cos seus mesmos profesores. Incorporado á Universidade compostelá e membro do Seminario de Estudos Galegos crea co apoio destas institucións o Laboratorio de Xeoquímica que axiña a Fundación Nacional de Ensaios e Reformas pasa a apoialo e crearlle becas para licenciados, de xeito que por este laboratorio a Universidade compostelán era entón un adiantado dos estudos de xeoquímica da España e tamén da Europa. Mais o 18 de xullo do 1936 todo se viu abaixo para Galiza. O Seminario de Estudos Galegos prohibido e expoliado e os laboratorios que creara coa universidade, desmantelados; e Isidro Parga Pondal destituido. Mais el retirouse aos seus eidos de Laxe onde a súa familia tiña algún patrimonio, e alí creou una explotación de caolín, que lle permitíu montar un Laboratorio de Xeoloxía, e como o nome de Parga Pondal xa tiña acadado sona nos medios internacionais axiña converteuse no único centro de investigación xeolóxica de Galiza, e a Universidade de Leiden incluiuno nos seus programas de formación e investigación, mais outras universidades, como Montpellier, Zurich, Liverpool, Münste, Nancy, Strasbourg e Lisboa, acudían a colabourar con Laxe. Parga Pondal conta con outros méritos na creación de empresas a partir dos recursos mineiros. E no ano 78 os 18 xeólogos máis importantes da Europa adicáronlle un volumen de homenaxe. Poucos meses despois don Isidro perdía ao seu fillo xeólogo e chamou a Carlos Baltar para que buscara unha institución que recollese o Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Baltar, membro do novo Seminario de Estudos Galegos e coa axuda do Seminario de Sargadelos, conseguiu que o Laboratorio Xeolóxico de Laxe (L.X.L.) continuase traballando perto na súa orientación nos anos que aínda restaban de vida, apoiado nunha fundación formada pola familia Parga Pondal (representada hoxe pola súa nora e os seus netos), pola área de Xeoloxía do Seminario de Estudos Galegos (representada por Carlos R. Baltar), e o Seminario de Sargadelos (representado por Andrés Varela). Os tres consideraron que quen podía continuar o labor de don Isidro era Ramón Vidal Romaní como director do L.X.L., que, axudado por Virxinia, a súa muller, e servindo todo de base ao Instituto Xeolóxico da Universidade da Coruña, chegou á espléndida realidade que é hoxe.