Á MARXE / Carlos Casares
27 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A traca final en Kaliningrado foi apoteósica. Leváronnos en tren ata a localidade de Svetlogorsk, un lugar de vacacións á beira do Báltico, onde fomos recibidos por unha multitude, como futbolistas, mentres desfilabamos polo medio da rúa, ó ritmo de varias bandas de música, rodeados de centos de rapazas vestidas co traxe do país, un escuadrón de soldados disfrazados de romanos con lanzas de madeira e unha especie de cabezudos. Logo houbo ballet ó aire libre, ademais de cantos e bailes rexionais. Unha loucura. Pola noite, cea co gobernador. Cando agardabamos por el, veuse cara á min. Era pola rapaza que me acompañaba, unha rusa de ollos grises, á cal lle botou un piropo, ó tempo que me preguntaba qué fixera eu para estar cunha moza tan bonita. Pois nada. Coñecémonos na catedral, díxome que se chamaba Ala, entregoume unha vela e púxose a falar comigo nun castelán impecable. Hai que dicir que a catedral de Kaliningrado está convertida nun teatro e que, polo tanto, non se tratou de ningún pecado.