KALININGRADO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES A MARXE

24 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte chegamos a Kaliningrado a eso das doce e media da mañá. Como se sabe, esta antiga cidade da Prusia Oriental chamábase antes Koenigsberg, pero cando lle foi asignada ós soviéticos na conferencia de Potsdam, despois da segunda Guerra Mundial, estes cambiáronlle o nome, que aínda conserva na actualidade. Kaliningrado forma parte de Rusia, pero está separada dela, empotrada entre Polonia, o mar Báltico, Lituania e Bielorrusia. O vello nome vai unido sempre ó do filósofo Kant, que nunca se moveu de aquí. O recebemento que nos fixeron foi moi animado: banda de música na estación, rapazas vestidas co traxe rexional que nos entregaron un ramo de flores a cada un, foguetes, tracas, globos e moitísima xente aplaudindo e pedindo autógrafos a todo o mundo nos andéns. Logo, un pan grande, do que tiñamos que coller un anaco, metelo en sal e comelo: unha maneira de amosar a hospitalidade nestas terras. Despois, ós hoteles, sen ascensor, pero cun corpo de voluntarios para subir as maletas ás habitacións.