Á MARXE / Carlos Casares
22 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Escribo desde o tren, que neste momento, cando son as catro da tarde do xoves, acaba de atravesar a fronteira con Polonia. Afeitos a recorrer Europa sen necesidade de amosar os pasaportes, este trámite, que tivemos que facer hai uns minutos, semella anacrónico e propio de outro tempo. A entrada da policía no vagón veu interromper a conversa que mantiña co escritor albanés Bashkim Shehu, con quen me resultou fácil a relación desde o primeiro día, en parte porque eu xa lera un libro del publicado en español. Este home, nacido en 1955, é fillo de Mehmet Shehu, antigo Primeiro Ministro de Albania na etapa de Enver Hoxha, o dictador comunista. Aínda hoxe, Bashkim non sabe por que «suicidaron» ó seu pai nin por que caeu en desgracia. Só sabe que despois, el mesmo pasou oito anos no cárcere, como o seu irmán Skënder, que a súa nai morreu en prisión e que o irmán maior, Vladimir, foi tamén «suicidado». Agora entendo a tristeza permanente deste escritor e maravíllame o seu sorriso. E a súa delicadeza.