Á MARXE / Carlos Casares
16 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.O xoves pola noite, en Lille, convidáronnos ó teatro, coa presencia do alcalde da cidade, Pierre Mauroy, que foi Primeiro Ministro, como se recordará. Non se librou das bromas e das críticas dos actores do grupo Le Prato que nos fixeron rir, durante máis dunha hora, a gargalladas. Había tempo que non asistía a un espectáculo tan divertido e de tanta calidade. Despois das xornadas de París, onde se multiplicaron os actos, incluída unha lectura de textos en público, na que participamos cada un dos cento cinco viaxeiros do Expreso da Literatura, esta velada veunos moi ben a todos. Os alemáns dosifican con acerto. O venres, é dicir, hoxe mesmo, a metade de expedición marcha a Bruselas e a outra queda aquí. A min tocoume quedar un día máis, ata o sábado. O programa é moi atractivo. Pasaremos o día no Mont-Noir, o mesmo que inspirou algunhas das páxinas máis fermosas de Marguerite Yourcenar, que viviu neste sitio unha parte da infancia. Participaremos tamén nunha velada sobre a guerra, precisamente nun lugar onde repousan os restos de milleiros de rapaces (os soldados, aínda que nos esquezamos deso con frecuencia, sempre son rapaciños), que deixaron a vida nunha das maiores loucuras da historia de Europa. No museo de Ypres, consagrado á Primeira Guerra Mundial, veremos obxectos tan aparentemente triviais como un pano. ¿Para que sirve un pano? Pois para sonarse ou para limpar as bágoas, pero tamén para colocar no peito dun home que vai ser fusilado, marcando o sitio do corazón. Consola pensar que, moitas veces, ese anaco de tea usáse para secar lágrimas de felicidade. Poucas, desgraciadamente.