COLOQUIO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

15 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte chegamos de París a Lille cunha hora de retraso, a pesar de viaxar nun tren de alta velocidade. De maneira que o xantar que nos tiña disposto o concello empezou tarde e eu debía manter un coloquio na Biblioteca Municipal ás tres. Non tiven tempo de tomar o café e alá me levaron para cumprir co deber sacrosanto do horario, que a compañía ferroviaria incumprira dun xeito tan escandaloso. Confeso que fun sen ganas, en parte polo que dixen e en parte tamén porque imaxinaba que a esas horas non habería xente na sala. Equivoqueime: estaba abarrotada, o cal non deixa de ser sorprendente e agradable ó mesmo tempo. As preguntas, que non pararon durante hora e media, versaban sobre o mundo dos escritores: qué é a inspiración, a qué horas se escribe, qué pasa dentro do tren, cánto diñeiro se gaña con isto, cómo se empeza a escribir, en qué consiste o estilo. Logo algunhas máis persoais: se a un lle gustaría que os fillos escribisen e se os escritores ligan moito. Respecto deste asunto, aproveito para dicir que hai de todo. Coñezo a un colega que está obsesionado cunha búlgara, a mesma que o outro día ía vestida cunhas transparencias moi chamativas. Eu non me atrevín a dicirlle a el que ela me confesou no tren que, desde que o viu en Lisboa a primeira vez, se decatou de que emitía unhas enerxías moi negativas, cousa que non sei ben en qué consiste, pero que entendo perfectamente o que quere dicir, ou sexa, que o tal individuo lle cae fatal. Polo demais, todo sigue ben, aínda que hai demasiados coloquios, demasiadas mesas redondas e demasiadas entrevistas. Todo eso ademais amarrado polo contrato que firmamos ó aceptar.