CAMIÑOS DE CAMBIO

La Voz

OPINIÓN

EMILIO PÉREZ TOURIÑO

14 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Estamos en tempos de cambio. Pero o cambio pode escoller camiños moi diferentes. Hoxe, coma onte, o socialismo segue a ter a tarefa de conduci-lo cambio polo camiño da xustiza, a liberdade, a igualdade e a solidariedade. E non vai ser unha tarefa breve nin doada, nin pode ser a tarefa duns poucos. O cambio socialista constrúese desde a unidade, a colaboración, a suma de esforzos nun proxecto común. O PSdG-PSOE aspira a transformar Galicia a traverso dun proxecto que nace da voz de tódolos galegos e galegas progresistas. Un proxecto galego e galeguista no que o galeguismo non adoita unha mirada exclusivamente introspectiva nin responde a unha lectura folclorista. Galeguismo significa o compromiso co progreso de Galicia desde o recoñecemento dunha identidade propia e compartida polos galegos. E neste sentido, fondamente progresista, fondamente aberto ó mundo e alleo ó exclusivismo e a confrontación permanente con España e con Europa, propio dos nacionalismos. Primeiro Galicia. No progreso do seu territorio e da súa poboación. Cómpre gaña-la batalla ó declive demográfico a traverso de políticas que favorezan a renovación xeracional do medio rural e mitiguen os efectos da desagrarización e a desruralización que está a sufri-lo país. Políticas que posibiliten a incorporación da muller e dos xóvenes ó mundo laboral, a conciliación da familia e o traballo a través dunha rede de servicios socias que a faga posible. Necesitamos articular políticas que aborden de fronte o reto da inmigración. Galicia debe alcanza-la centralidade. Conectando coas redes europeas e española de transportes e comunicacións, reorganizando a súa fronte portuaria, e potenciando o seu carácter atlántico. Non podemos quedarnos fóra da incorporación ás novas redes de comunicación e ás novas tecnoloxías, propiciar a súa difusión no marco do espacio europeo e do triángulo do desenvolvemento español. Debemos avanzar na procura de engadir valor nos procesos de comercialización e transformación. Aumenta-la nosa capacidade para atraer investimentos, mellora-lo noso capital físico e humano. Cómpre impulsa-la política enerxética e a accesibilidade como factores que melloran a concorrencia e a localización industrial e o compromiso das institucións financeiras con estes obxectivos. Galicia precisa dun desenvolvemento equilibrado, intenso e sostible. Medrar moito, pero facelo de xeito sostible, non comprometendo ás xeracións futuras, xerando emprego, buscando a cohesión social e o equilibrio territorial. Podemos e temos que supera-la tentación permanente da mera resistencia defensiva e pasiva do noso tecido productivo, da nosa pesca e agricultura. Cómpre darlles saídas de futuro. O ensino, a formación, a difusión das innovacións e o reforzamento das pequenas e medianas empresas deben se-las orientacións prioritarias que reforcen a capacidade dos nosos actores económicos. O século XXI precisa dun novo marco de relacións entre o sistema educativo e o productivo onde se fai necesario procurar un maior entendemento entre as necesidades das empresas e as posibilidades da formación profesional, da docencia e da investigación universitaria. A cultura é a base da identidade galega, e á súa defensa e desenvolvemento deben ir encamiñados os nosos mellores esforzos. Pero cultura plural. Unha cultura que englobe e acolla as diferentes maneiras de sentir Galicia e sentirse galego. A nosa e a dos outros, a dos inmigrantes, a dos non galegos. Porque a cultura, como nós a concebimos, non pode ser o instrumento do exclusivismo e das barreiras. É preciso definir un pacto territorial, unha nova ordenación territorial que responda ó mapa da Galicia do século XXI, que se apoie no recoñecemento das áreas metropolitanas e as rexións urbanas, das cidades que normalice as súas actividades económicas e o desenvolvemento das capacidades, que reestructure, en fin, o mapa comarcal dotándoo de contidos institucionais e funcionais dos que actualmente carece. Necesitamos potencia-lo papel dos concellos e facelos fortes. Defendendo a proximidade e subsidiariedade como principios fundamentais que para a súa aplicación precisan dunha reforma no actual sistema de financiamento local. Reforma-la administración autonómica para crear unha administración moderna baseada nos criterios da eficacia, de eficiencia e resultados. O socialismo segue a ser hoxe un compromiso cunha sociedade democrática, solidaria e respectuosa coa diversidade, na que a educación e a igualdade son condicións imprescindibles da liberdade individual. Unha sociedade na que a esixencia dunha mellor calidade de vida vai indisolublemente unida á preocupación polos aspectos medioambientais e por outros seres humanos que non gozan do benestar. Este é o compromiso que temos os socialistas galegos.