A MARXE / Carlos Casares
11 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Os alemáns tiñan previsto que hoxe, segundo os psicólogos, empezarían os primeiros cansancios e incluso, para algúns, a tentación de abandonar. Por eso decidiron dedicar o segundo día de estancia en Burdeos, é dicir, o domingo, a visitar Château Smith Haut Lafitte, con degustación de viños na propiedade, trasladarnos logo a Malagar, que foi a residencia dun dos tres grandes escritores da rexión, François Mauriac (todos empezan por «M», pois os outros dous son Montesquieu e Montaigne) e sermos recibidos finalmente polo Consello Rexional da Aquitania, algo así como a Xunta de Galicia, pero con bastante menos poder. Digan o que digan os psicólogos, a xente está contenta, agora que xa se fixeron amistades e que se coñece case todo o mundo, aínda que eu descubro cada día algunha cara nova. Tamén funcionan as tertulias: estiven o sábado pola noite, no hotel, nunha multicolor, cunha rusa, un bosnio, unha danesa, un armenio, unha búlgara e un letón. Foi nesa reunión onde souben que xa hai unha mala oficial, unha turca que berra moito e que protesta por todo. Alguén ten decidido que é a mellor candidata para o crime que se espera (é literatura, por suposto), mentres que xa están asignados tamén o papel do asasino (cando mo dixeron deume un ataque de risa, pois é un escritor bielorruso que parece sacado dunha película de malos) e o cronista do suceso, Tchingis Abdullaiev, un novelista azerbaino que vendeu máis de dez millóns de novelas policiacas en todo o mundo. O que non conseguíu aclararme ninguén aínda é por qué unha danesa leva sempre na perna esquerda unha tirita dunha color diferente cada día.