UN COCHE

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

27 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai uns días que souben, a través dunha divertida conversa familiar, que os meus fillos, cando tiñan seis e catro anos, respectivamente, quixeron regalarme un coche. A cousa empezou porque o automóbil que eu tiña daquela sufrira un par de averías graves: a dirección rachara dúas veces nun periodo dun ano, sempre en Suecia, sen que milagrosamente non nos pasara nada. Como quen ten unha burra falsa e se quere desprender dela, no camiño de volta debín falar moito daquel asunto, xurando que en canto chegase á casa cambiaría de coche. Supoño que os nenos tomaron nota da miña preocupación, aínda que non me dixeron nada. Días despois, instalados na casa onde viviamos entón, na vila de Cangas, o maior dos rapaces ideou o plan e convenceu ó seu irmán de levalo a cabo. Do que se trataba era de darnos unha sorpresa e facernos un regalo como recoñecemento ós moitos que eles recibiran de nós. Por outro lado, había un concesionario a poucos metros. O primeiro que fixeron foi buscar diñeiro. Non lles resultou complicado: racharon as huchas de aforros que tiñan cada un na súa habitación, contaron os cartos, metéronnos nunha bolsa e alá foron á tenda. Nada máis entrar, dirixíronse ó encargado e dixéronlle que querían mercar un coche. O tal señor debía ser un home intelixente e sensible porque lles ofreceu varios modelos e incluso lles permitiu que se sentasen dentro para probalos. A memoria, agora, non lles permite recuperar o final daquela historia, pois ignoran cómo rematou o negocio e qué lles dixeron para que se fosen tranquilos. Eu sei, en cambio, cómo acabou para min: nunca tiven un coche tan bonito.