X. L. FRANCO GRANDE
26 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Parece como se este Goberno tivese un plan preciso para enrabechar a uns e a outros. É difícil que sexa así, pero o certo é que da esa impresión. Primeiro foi, entre outros moitos feitos que agora non veñen a conto, ese nomeamento dun crente de variada fe para a dirección xeral da Biblioteca Nacional, e agora é esa paseata de tanques e canóns que se entende aínda menos. Porque podendo face-la festa en tantos e tantos lugares onde tería sido recibida coa mesma fogaxe e foguetería que caracterizan as recepcións á selección nacional de fútbol, non houbo mellor ocorrencia que levala a un país máis ben predisposto á susceptibilidade por unha presencia non desexada e que, xa se está vendo, divide, enfronta e alporiza. Se do que se trata, como calquera podería pensar tendo en conta as evidencias, é de dicirlle a todo un pobo que aquí estamos nós outra vez, e sen a menor necesidade, o certo é que mellor sería mandar ó paro a quen se lle teña ocorrido tan lamentable xenialidade. Cousa que, faltaría máis, non vai suceder.