CARLOS CASARES
25 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Estiven lendo no New Yorker desta semana unha ampla reportaxe sobre a vida baixo o mandato dos talibáns en Afganistán. Como se sabe, as mulleres daquel país teñen que ir totalmente cubertas, non poden traballar e tampouco poden falar cos homes. Un día, unha escritora que agora xa non publica, entrou nunha tenda para mercar froita e á hora de pagar, por razóns de tipo práctico, levantou o burka, ese pano cunha especie de reixa textil posta diante dos ollos que á penas lles permite ver. Non pretendía outra cousa que contar o diñeiro que tiña que abonar pola compra. Nese momento, un talibán bateulle ata matala. Estes gardiáns das mulleres pertencen a un ministerio de nome fantástico, que se chama de Propagación da Virtude e Prevención do Vicio. Cando collen a un rapaz falando cunha rapaza nunha esquina, o primeiro case sempre escapa correndo, pero elas non poden por culpa da saia que lles chega ós pés. A pena: uns latigazos mortais en público. Con todo, as cousas parece que están mellorando. Os ladróns, cando son condenados a perder unha man, xa non teñen que pasar polo horror de poñela nun cepo e aguantar un machadazo que lla separe do brazo: agora córtalla un cirurxián con bisturí, aínda que sexa sen anestesia. A prohibición de ver fotos de rostros humanos tamén se suavizou, de maneira que xa non arrincan as láminas dos libros de mediciña, como antes. Ter televisión oculta pasou a ser igualmente un pecado menor: só quince días de cárcere. Por outra parte, os talibáns xa non as rachan a paus diante da xente, como escarmento. Descubriron que as poden aproveitar e lévanas para a casa.