Carlos Casares
20 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.No outono do ano 1988, na cidade norteamericana de Lead, situada no estado de Dakota do Sur, enfrontouse o equipo local de baloncesto feminino coas súas rivais do Pine Ridge, composto por rapazas da reserva sioux dos Oglala. Nada máis saír á cancha as visitantes, o público, composto maioritariamente por xente branca, empezou a lanzar insultos de tipo racista, como «indias», «cometripas» e cousas aínda peores. Simultaneamente, a banda de música púxose a tocar melodías do mesmo significado infamante, que eran coreadas pola maior parte dos espectadores con letras que falaban de fastidiar, por dicilo suavemente, ás mozas forasteiras.Nesto apareceu SuAnne, a estrela do Pine Ridge. Situouse no centro do rectángulo, quitou o chándal e púxose a bailar unha danza tradicional e a cantar unha canción da súa tribu. Fíxose un silencio total no pavillón de deportes e cando a xogadora de baloncesto colleu o primeiro balón, empezaron os aplausos ata que o meteu na canasta.Despois, as rapazas sioux gañaron o partido e proclamáronse campeonas do torneo. A historia apareceu nos periódicos de toda América, sobre todo nos de máis prestixio, foi recollida en libros e forma parte das lendas sobre o racismo nos Estados Unidos. Cando SuAnne, a heroína do partido, morreu nun accidente de automóbil no ano 1992, o seu pobo chorouna como se fose unha filla e desde entón converteuse nunha especie de deusa. Agora resulta, sen embargo, que nada deso foi certo, que as xogadoras da reserva non gañaron aquel partido e que non houbo danza. Nin insultos. Non importa. Para os sioux, SuAnne devolveulles o seu orgullo.