MARINA MAYORAL. PÁXINAS SOLTAS
18 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Hai pouco tempo participei como xurado nun concurso literario para estudiantes universitarios. Abundaban as composicións amorosas, moitas delas referidas ás relacións carnais, ata o punto de que un dos membros do xurado comentou: A estes o único que lles interesa é fornicar a mantenta.Dende logo aquelo tiña pouco que ver co que escribiamos nos nosos tempos de estudiantes en Compostela Arcadio López Casanova, Xavier Carro e outros compañeiros que lle dábamos á literatura. Non sei se por falta de experiencia ou por vergoña, pero nós «deso» non falabamos, ou facíamolo de forma tan sutil que non chamaba a atención. Eu sinto unha gran curiosidade polo que escriben estes rapaces, porque penso que é revelador dos seus intereses e posturas na vida.Nestes momentos teño nas mans unha revistiña que editan un grupo de estudiantes da Complutense. Chámame a atención un que está firmado por dúas rapazas. Sorpréndeme que escriban en comandita o que se supón que reflexa unha experiencia íntima. Pensei nun primeiro momento que se trataba dunha relación entre dúas mulleres: «Subida a tu cuerpo / a ti me entrego / besos y caricias / placer y tormento». Despois veñen uns versos un tanto escuros: «Jugando con tu lengua yo me entreno / llorando los suspiros de la almohada / donándote mi cuerpo en desenfreno / cediendo con mi sexo fingirme enamorada». Pero, finalmente, vese que se trata dunha parella heterosexual polos adxectivos en masculino e pola interpelación a un individuo: «Tocando estás mis senos como extraño / dejándome llevar por la lujuria / traicióname maldito con tu engaño / y lléname este lecho de cruel furia».Este tipo de erotismo e a ausencia de temas relixiosos e políticos é o máis característico dende o punto de vista dos contidos. No que se refire á forma o máis chamativo para min é que non entendo o que queren dicir en máis da metade dos casos, tanto dos textos en prosa como da poesía.Aquelo que dicía Cunqueiro de escribir claro, seguido e ben, vese que non está de moda.