FELIPE SENÉN
17 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.É normal dentro das anormalidades e pese ós fastos creados por decreto, que domingos ou festivos, cando un pode esgazar con outras monotonías, moitos museos estean pechados, ou sen outra alternativa mostren o letreiro de «cerrado por obras». Igualmente, podemos escoitar á beira do inmenso legado patrimonial de pazos, castelos, igrexas... querendo coñecelos, atopámonos coa resposta «restaurárono hai xa anos... e ten a chave... pode ir...». Estas mostras da nosa identidade cultural son fábricas de sensibilidade, de cultura, de turismo, centros de recursos pechados que van morrendo na espiral da inanición.Así é que seguindo nesa secuencia de recordatorios, coma quen toma cápsulas reconstituíntes da cultura que expende a sociedade de consumo, aproveitemos o rosario de días: vén así o 18 de maio, Día Mundial dos Museos, despois do das Letras Galegas, logo outros e outros.Aproveitando a data, diremos que as cousas cambiaron moito, dende que no ano 1974 o ICOM definía o museo como institucións «permanentes, abertas ó público, sen finalidade de lucro, orientadas á promoción e o desenvolvemento cultural da comunidade, que adquire, documenta, conserva, investiga, divulga, mostra de xeito centífico, estético e didáctico, bens patrimoniais de carácter cultural que constitúen testemuños das actividades do ser humano ou do seu contorno natural, con fins de estudios, educación, gozo, promoción científica e cultural». Centros que, en Galicia, fixeron posible conservar espacios singulares, que acumularon fondos de interese, déronlle coherencia ás coleccións, documentándoas e expoñéndoas, que contribuíron á formación experimental dos profesionais da museoloxía galega, que, en colaboración coa escola, cos colectivos culturais, axudaron a sensibilizar á sociedade: «coñecer, para querer e defender...» para comprender que a identidade, noso legado á cultura universal, está formada tolerantemente por diferentes aportes, por tradicións, innovacións, por relacións. Nese concepto entran a «economuseoloxía», os museos «comprados por católogo», os «das ideas» que experimentan fórmulas para abrir canles consumistas arredor da cultura.Actores da súa evoluciónNese andar polo universo dos museos todos fumos actores da súa propia evolución: dende os gabinetes de coleccionista ata a recuperación de recintos históricos, tan pouco útiles para os fins da nova museoloxía... e así ata hoxe, cando os arquitectos proxectan sorprendentes e escultóricos continentes que empequenecen ó espectador e ensombrecen ó contido. Todo forma parte dun proceso de buscas e experimentacións que fan que a ciencia museolóxica madure, para levarnos a comprender que o museo será sempre unha historia inacabada, un «mal necesario» que tamén mitifica as testemuñas, pechadas en vitrinas, descontextuándoas dos seus espacios orixinarios e que a súa acción debe propagarse ó entorno, sensibilizando sobre o valor da paisaxe, da historia, de canto nos rodea: sentido así todo é un museo.Museos abertos e para a comprensión de tódolos públicos, un reto da nova museoloxía, dun país moi vello que anova a forma de sensibilizar sobre un legado do pasado e do presente que temos que entregar ó futuro.