As presas, de volta de Lugo de despedir a Benxamín, escribo estas notas. Vigor e serenidade é o que sempre transmitiu o doutor en Agronomía e economista lucense que presidía a editorial Galaxia dende 2003. Como enxeñeiro da delegación do Ministerio de Agricultura, coñecino cando andaba eu a procurar materiais para a tese e viña el de publicar A Galicia campesiña (1984), un libro clave para entender o rural galego da segunda metade do século XX. Axudoume coa xenerosidade que era marca da casa. Como deputado no primeiro Parlamento galego, despois de ser conselleiro na Xunta preautonómica, traballou para construír as institucións que hoxe coñecemos.
Tal era o que facía dende o consello de administración de Galaxia, onde estaba a pilotar a expansión e redefinición desta institución cultural nacional co mesmo vigor e serenidade co que fora recoñecido e valorado como agrónomo. Sabendo que este é un país de marcos, si, de leiras, pero tamén de comunais, onde a xente é quen de cooperar, por iso favoreceu a integración de perspectivas e sensibilidades diferentes cando Galaxia pasou a ser unha constelación dentro do universo galego. Un home pluridimensional que foi tamén profesor da Escola de Peritos e da Universidade de Santiago, membro do seu Consello Social ou director da Gran Enciclopedia Galega. Botarémoste de menos ¡Que a terra che sexa leve e a memoria xusta!