A vida de Ernesto Romero é o cine. Con 15 anos, 1967 no almanaque, entrou no Principal de Leiro «como axudante; montaba e desmontaba as bobinas e ía aprendendo o oficio». No 73 vaise á mili e cando volta xa pechara. Quíxoo abrir, pero as condicións económicas e o estado da sala non o fixeron posible. Na Coruña examinouse para conseguir o carné de operador e botou anos vencellado á empresa Fraga -comezou no Teatro Cervantes, de Vilagarcía, estivo no Fraga de Vigo ata que pechou e pasou por outras salas do grupo-, para incorporarse logo aos vigueses Multicines Norte. Cando aínda proxectaba en Vigo construíu o seu propio cine no pobo e garda como unha pequena xoia os «planos para cine e vivenda» do proxecto presentado no Concello de Leiro para crear o Novocine. O 28 de maio de 1983 abría as súas portas o cine de Leiro, un caso único ao tratarse dun concello que non chega aos 2.000 veciños. Nestas tres décadas viviu malos tempos, botou máis dun ano pechado porque as exixencias das distribuidoras para acceder ás películas -os famosos «lotes»- o único que lle daban eran perdas a fin de mes, e apostou polo 3D, o primeiro da provincia de Ourense, para escribir o futuro como sempre quixo: traballando e gozando do que é a súa paixón. Está por demais dicir que é o celuloide. As taxas do Goberno á cultura volveron mancalo -«coa suba do IVE a cousa baixou, aínda que agora está aí o verán e veñen moitas estreas co cal seguro que se vai compensar»-, mais non se achanta: deuse o pracer de celebrar os 30 anos coa proxección de Casablanca de balde, tres sesións o venres, e mira para o 2017: «Daquela celebrarei os meus 50 anos no cine».