Carlos Casares entendeu a Editorial Galaxia «como un empeño institucional»

Santiago / la Voz

OURENSE CIUDAD

Esta conclusión, explicada por María Dolores Villanueva na última xornada do curso da UIMP sobre o escritor, foi algunha das que se escoitaron na xornada de clausura desta actividade

08 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Carlos Casares entendeu a Editorial Galaxia máis alá do que é unha empresa, entendeuna como un proxecto político e institucional e como un instrumento de normalización. Esta conclusión, explicada por María Dolores Villanueva na última xornada do curso da UIMP sobre o escritor nacido en Ourense, foi algunha das que se escoitaron na xornada de clausura desta actividade.

Villanueva pormenorizou a relación de Carlos Casares coa Editorial Galaxia, que foi atravesando distintas etapas e que comezou coa relación dun autor e a súa editora. María Dolores Villanueva percorreu na súa intervención o treito que vai dun Casares «como escritor en cernes, con reservas sobre o valor da súa obra» ata esoutro momento no que o escritor se converte en director xeral. Para Villanueva a chegada de Casares á dirección xeral significa «a verdadeira profesionalización da editorial e toda a súa transformación nos anos oitenta».

O que supuña Galaxia para quen foi autor e logo director desta editorial foi explicado advertindo que para o escritor «foi máis que unha empresa, foi un proxecto político, un empeño institucional, pero ao tempo foi consciente de que tiña que desenvolver a súa actividade nun marco de mercado».

Entre os intereses que marcaron a etapa de Casares estivo o de achegar a actividade editorial «á xente, escapando de calquera actitude elitista que puidera comprometer o éxito da actividade, que non perdía de vista a recuperación e a difusión da cultura e da literatura galega».

María Dolores Villanueva fixo contas da actividade de Casares na editorial: «Foi responsable de case un millar de títulos, cunha gran sensibilidade na selección de obras, así como de aspectos da edición, como as cubertas ou a tipografía».

Outro dos puntos de vista da xornada foi o que ofreceu Marina Mayoral. Centrado no particular sentido do humor que exhibiu Carlos Casares. Para a escritora, o humor estaba presente en case todas as actividades do autor, pero especialmente na súa escrita, tanto na literaria, na que era unha sutil presenza permanente, como nas colaboracións en La Voz ou nas súas conferencias.