O piar que sostén Heredeiros da Crus

BARBANZA

MARCOS CREO

O baixista boirense Fran Velo exerce o papel de ser a parte racional nun conxunto repleto de xenios

31 may 2015 . Actualizado a las 19:08 h.

Na música, o talento pode chegar a ter un reverso negativo, os xenios poden disiparse, perderse na súa imaxinación e, ao final, a pesar de estar escollidos para marcar historia, quedar en nada. En Heredeiros da Crus, Fran Velo considera que hai tres talentos: Javi, Tuchiño e Toñito, e con eles está el, o piar que os mantén cos pés na terra. El é a parte reflexiva do grupo, a parte cabal, o pensador eterno: «Hai veces nas que prefires non pensar tanto, de tanto darlle á cabeza acabas barrenando. Agora o único que quero é simplemente existir. Vivir nun pensamento suspendido. Gozar da vida».

Agora prefire espremer o momento, un gran momento que comezou no 2012 coa volta de Heredeiros da Crus e coa súa incorporación a The Lákazans, despois de estar catro anos sen tocar: «Chegou un momento no que me daba repelús poñerme a tocar na casa. En todo ese tempo non saquei o baixo da funda». Foi xusto cando romperon os Heredeiros e intentou formar novas bandas que «non funcionaron, naquel momento queríamos facer unha música estilo Queens of the Stone Age e Foo Fighters, pero non dei coa xente adecuada». Eran demasiado heavys e faltáronlle forzas para seguir buscando.

Eses catro anos foron unha pausa en máis de vinte anos de música que comezaron en 1992 cando aínda era un rapaz e pasou a formar parte de Heredeiros da Crus: «Vinos tocar no seu primeiro concerto na Festa da Dorna e sorprendeume ver un grupo sen baixo. Despois contáronme que tiñan problemas co baixista: traballaba e a moza non lle deixaba moito tempo libre». Esa foi a combinación letal que o expulsou do rock and roll. Un día comentáronlle se quería pasarse polo local de ensaio. Ao chegar, Heredeiros seguía sen baixista e preguntáronlle se podía ir buscar o seu e tocar con eles. Así comezou a historia.

Carreira meteórica

Arrancaba unha carreira meteórica que o levou a converterse nunha das caras máis famosas do rock galego. «Tiña 19 anos e alucinei. O que conseguimos era xusto o que soñas, o que pelexas». Recoñece que foi cuestión de sorte, de estar no momento adecuado no lugar preciso: «O normal é loitar moito máis do que nós o fixemos». Un dos grandes momentos viviuno en Castrelos, ante máis de dez mil persoas. Recorda que chovía a mares: «Estaba o escenario molladísimo, en canto entrei esvarei e funme ao chan». Non foi a mellor entrada pero foi o seu primeiro gran concerto.

Onte viu a AC/DC en Madrid e entende por que despois de tantos anos enriba dos escenarios volven sempre: «Cando fan unha xira sempre se fala de que é por diñeiro. Estou seguro de que o fan por esa sensación que só podes sentir cando estás enriba dun escenario e tes á xente xaleando abaixo, cantando os temas contigo. É unha sensación que só podes sentir coa música». Ese sentimento converteuse nunha droga para Fran: «Aínda que mañá me tocase a lotería non deixaría de subirme a un escenario».

Agora está vivindo unha segunda etapa dourada, desde que volveu con Heredeiros e se xuntou con The Lákazans. Pasou do rock and roll a entrar na música country e folk americana: «Chega un momento no que buscas outras cousas. Fun derivando, xa non necesitaba unha tralla salvaxe. Quería chegar á base da música rock e saber como chegaron ata o estilo actual». Foi con eles con quen o descubriu e hai dous meses sacaron o seu primeiro disco, Homegrown. Os anos ensináronlle a que o camiño á gloria que viviu cos Heredeiros seguramente non se repita. Aínda así, se é por el, volverá a subirse ao escenario mil veces máis. Despois de moito reflexionalo ese é o fundamento da súa vida.