Cristina Bañobre: «Vivir do sector primario é moi complicado, máis aínda sendo muller»

MERCADOS

Wifre Melendrez

Hai 25 anos que esta veciña de Carantoña (Miño) creou a súa marca, Daterra, coa que produce patacas, cebolas e grelos, en convencional e en ecolóxico, que comercializa case ao 100 % a través de Gadis

12 sep 2023 . Actualizado a las 15:23 h.

Cristina Bañobre Lomba naceu en Carantoña, unha aldea do concello de Miño, e alí montou a súa empresa hai xa 25 anos (ela anda pola década dos 40). Sempre quixo ter un negocio, «ser autónoma e non depender de ninguén», pero primeiro estudou Química Ambiental na UDC, aínda que «a verdadeira química que sentía era pola terra», que lle dá «un punto de equilibrio». E fixo da súa paixón pola terra unha profesión, «unha filosofía de vida» da que se sente «moi orgullosa» e que lle permite gañarse a vida «dignamente». A natación, deporte no que competiu durante anos nun club coruñés, axudoulle a forxar o carácter, e seu pai, Juan Manuel Bañobre, enxeñeiro industrial, que faleceu hai uns meses, «sempre» lle deu «ás para voar» e axudoulle «tanto» no oficio. No 1998 puxo en marcha a súa primeira explotación agrícola e naceu a súa marca, Daterra. Hoxe ten dúas, unha de produción convencional e outra en ecolóxico, as dúas dedicadas ao cultivo de patacas, cebolas e grelos. Comercializa uns 500.000 quilos de pataca e 350.000 de cebola, e preto de 20.000 manoxos de grelos ao ano.

—Como foron os comezos?

—Empecei como autónoma e aos tres meses xa contratei dúas persoas. Foi un gran salto comprobar que a agricultura se ten que sustentar coa contratación de man de obra, hai que darlle unha forma de empresa para poder ser o máis competitiva posible e cumprir todas as normativas. Hoxe teño dez persoas, aparte de min e do meu home, e con carácter estacional, na colleita, chego a ter 30 persoas.

—Que superficie cultiva?

—En produción convencional, 20 ou 21 hectáreas, e en ecolóxico tiña 15 e reducín a 12. A maioría das fincas son en aluguer. No 2018, embarazada da miña filla Olaia, Agader [Axencia Galega de Desenvolvemento Rural] deume un premio pola loita contra o abandono e polo desenvolvemento do agro, por poñer en valor 14 hectáreas en lugares de aldea para producir en ecolóxico, por recuperar esas terras.

—Tivo problemas para acceder a terras de cultivo?

—O aluguer é a fórmula máis interesante. Cando a xente fala de que non hai terras dispoñibles... primeiro está o banco de terras cun censo de fincas, e despois hai moitísimos propietarios, pero ás veces están lonxe das explotacións e a xente busca un terreo colindante. Pero dispoñibilidade de terreo existe en concellos como Monfero e Irixoa, onde estamos fartos de ver zonas abandonadas, hai que pagar o arrendamento e ter as fincas coidadas. No meu caso, se non cultivo máis é por manter un equilibrio empresarial, unha calidade e unha uniformidade, que sexa sostible a explotación.

—Empezou en convencional...

—Sabía que o valor do produto en Galicia é ter unha marca propia, identificativa, para que o consumidor, a base de probalo e atopalo no mercado, puidera establecer unha fidelización e un compromiso. Entón creei a marca Daterra, para poder ter esa traxectoria [...]. En Galicia, o produto ecolóxico é o futuro, e nós, se fóramos capaces de facer todo en ecolóxico non teriamos nada en convencional, pero non estamos preparados porque o manexo do cultivo é complicado, polo clima, pola situación do mercado e polo rendemento da produción. Demos o salto hai cinco anos, porque tiñamos os recursos económicos para emprender, apostar e investir, e por iso creamos Horta do País, que ademais conta co selo de calidade Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

—Como comercializa o produto?

—Vendemos practicamente toda a produción a Gadis desde 1998, cando me dei de alta como autónoma. Temos que dar uns estándares de calidade e ter unha produción para que ao noso cliente lle interese apostar. Gadis ten moita sensibilización co produto local e sempre nos acompañou no noso desenvolvemento. Seguimos sendo unha pequena empresa dentro do mercado alimentario galego, onde tamén se comercializan produtos de fóra [...]. Nós existimos grazas a ese acompañamento comercial, todos os investimentos que fomos facendo foi grazas a que nos compraron desde o principio toda a produción. Nós temos unha filosofía no xeito de facer, producir con todo o esmero e o esforzo para obter o mellor produto, e Gadis ten esa mesma filosofía, somos dos provedores que continuamos sen interrupción e case en exclusiva con eles.

—Que producen?

—Pataca, cebola e grelo, a trinidade do galego [risas]. Pataca kennebec, cebola chata (variedade chata de Miño) e grelos (variedade Monfero). En Val Xestoso, un dos vales máis emblemáticos para o cultivo de grelo, é onde temos a maior parte da superficie de grelo en ecolóxico, recollemos a pataca e sementamos alí o grelo, en rotación. A kennebec de carne branca é a mellor pataca e a máis rica, especial para todo, da que se fai a tortilla de Betanzos. Cultivámola sen rega, coa auga da choiva. Ao estar cerca da costa (nas plantacións de Miño) podémola plantar moi cedo, non hai xeadas e temos un cultivo moi precoz. A nosa vai en envases biodegradables de tres quilos. Concedéronnos unha medalla de excelencia nunha cata a cegas de Alejandro Padín, como produto destacado, en cru. É un orgullo que xente experta a recoñeza. 

—E hai tres anos abriron o Centro de Apoio e Servizos ao Sector Hortofrutícola Sustentable, en Miño.

—No contexto da nosa actividade económica, que é producir, envasar e distribuír os nosos produtos, mercamos unha finca que era un antigo serradoiro, a carón do río Baxoi, cun antigo muíño, rehabilitámolo e creamos o centro Horta da Terra. Facemos todo tipo de eventos: xuntanzas con cociñeiros, encontros con produtores e xornadas de cata e exaltación gastronómica dos nosos produtos. Serve para fomentar o consumo e para que outros produtores que se inician non o fagan coma min, en solitario, senón cun lugar onde atopen asesoramento, información, consultoría agraria...

—Vostede é exemplo de profesionalización do sector agrario.

—Esta actividade non pode ser complementaria de nada, ten que ser o centro da actividade, a produción, a marca. Desgraciadamente, ata que se consolidou Horta Daterra [a marca comercial] si botabamos en falta esa entidade. Un produtor, unha empresa agroalimentaria, é tamén un pozo de coñecemento, unha herdanza, unha tradición, unha historia que ten moitos ingredientes, incluso sociolóxicos e antropolóxicos. Eu estou aquí porque miña avoa xa vendía as patacas e as cebolas en Pontedeume, producía de xeito tradicional, que eu tamén aplico na miña explotación. E á miña filla Olaia quérolle contaxiar esa paixón pola terra e por unha actividade coa que gañarse a vida.

—Os produtores sempre se queixan polos prezos que lles pagan.

—Somos produtores, temos a nosa envasadora e vendemos a un canal de distribución. Producimos un produto de calidade, algo que en Galicia se pode conseguir. Sen embargo, poñer en valor un produto agroalimentario nun lineal e que un consumidor compre a túa pataca en vez da francesa, ese é outro negocio [...]. Os nosos gastos operativos fundamentais, unha vez recollida a pataca, son os de manipulación, os custes sociais dos empregados [...]. A nós, o que nos paga Gadis por producir e envasar permítenos manter a empresa a flote. Non sei que condicións teñen outros. A nós págannos un prezo xusto, que nós mesmos marcamos cada luns, cando lles mandamos a proposta.

—Conta que unha vez, ao pouco de empezar, alguén lle preguntou se isto daba para vivir.

—Respondinlle «si, pódese vivir disto», pero fíxome moito dano esa pregunta [...]. Meu pai sempre confiou en que eu ía saír adiante. Economicamente nunca tiven dúbida de que este é o meu xeito de vida, co que vou manter aos meus fillos. O sector primario é o primeiro sector, porque un territorio sen actividade agraria non é nada... polo coidado da paisaxe, manter as variedades, alimentar o noso entorno, crear esa riqueza... planto unha semente pero saen moitas patacas dese pé [...]. Foi complicado, máis sendo muller, cando tes ese afán de facelo ben, de liderar o teu, porque tes que facelo en soidade á hora de afrontar problemas. Vivir disto é precioso, fascinante, pero é moi duro ás veces.