Aeroxeradores e microondas

As alternativas enerxéticas que se abriron paso trala era do petróleo fixeron das renovables unha das opcións, que en Galicia tiveron as primeiras representacións nos aeroxeradores. Neste artigo cuestiónanse as repercusións que os xeradores trouxeron sobre os servizos de radiocomunicación e radiolocalización nas zonas onde se instalaron. Polas anomalías que causa un servizo sobre outro deberíase dispoñer dunha regulamentación axeitada.


Sobre os anos 70 do pasado século, popularizouse o concepto de enerxías alternativas, no que foi determinante unha crise histórica do petróleo. Daquela, o aproveitamento da eólica tomou forte impulso, marcado por solucións tecnolóxicas orixinadas en California e Dinamarca. Houbo numerosos proxectos de xeradores, con turbinas de eixe vertical e horizontal. Triunfaron os modelos deste segundo tipo e xurdiron as primeiras regulamentacións sobre produción e distribución de enerxía eléctrica con fontes non regulables, como son as do vento e o sol.

Os primeiros xeradores eólicos instalados en Galicia, a comezos dos anos 80, tiñan torres de aceiro en celosía duns 15 metros de altura, sobre as cales viraba a góndola que aloxaba unha multiplicadora de velocidade de xiro, un xerador eléctrico asíncrono de decenas de quilowatts e mailos dispositivos de control. A multiplicadora recibía o eixe dunha turbina con tres pas duns 10 metros de lonxitude.

Hai agora case corenta anos, ninguén se preocupaba pola presenza dun xerador eólico en relación aos servizos de radiocomunicación ou radiolocalización na zona en que se instalase, normalmente afastada de núcleos urbanos. Nesa época había un proxecto de telefonía rural no que os nodos se comunicarían por radioenlace, e de cada nodo levaríanse cabos ás vivendas. Houbo que esperar aínda unha década, ata que a Consellería de Industria acordou coa Telefónica o plan de radioteléfonos fixos nas casas, para que se levantasen as primeiras alarmas.

Desde o inicio da presenza dos aeroxeradores, as Administracións preocupáronse de que a enerxía fornecida por eles se ativese ás condicións normalizadas de frecuencia e tensión no punto de conexión coa rede da compañía eléctrica. Tamén se preocuparon pola seguranza das persoas e dos bens na proximidade das máquinas eólicas, e polos estragos que a instalación desas máquinas puidesen facer na natureza e no patrimonio histórico. Non se mostraron preocupadas por algo tan invisible coma o vento: as radiacións electromagnéticas. Terían que pasar moitos anos ata que as autoridades encargadas de vixiar e controlar o uso de sistemas de radio emitisen recomendacións acerca das salvagardas contra os aeroxeradores.

Os primeiros avisos sobre efectos nocivos dos xeradores eólicos fronte a sistemas de radiodifusión déronse en Galicia cando se popularizaba a telefonía móbil e, en paralelo, se desenvolvían as redes de televisión autonómica e privada. Nese intre, as microondas xa non se enfrontaban ás máquinas iniciais, con torre de celosía de aceiro e aspas de fibra de vidro, illadas aquí e acolá polos montes e á beiramar. Erguéranse parques eólicos cuxas máquinas medraran e robustecéranse: ao longo de quilómetros á beiramar ou en cumes de montes, alzábanse piares de aceiro duns 30 metros de altura, con góndolas para aloxaren xeradores duns 300 quilowatts e aspas de máis de 15 metros de lonxitude, cun elemento metálico inserido no extremo. Este destinábase á atracción de raios polo efecto punta. Desde el saía un cabo condutor que entregaría a corrente do raio, por medio dun sistema mecánico rotatorio, á toma de terra a pé da torre.

No comportamento das ondas electromagnéticas hai unha relación definitoria entre o seu tamaño e o das estruturas físicas que se interpoñen no seu camiño de propagación. Os elementos metálicos, condutores da electricidade, reflicten a enerxía radiada que reciben en canto os dieléctricos, non condutores da electricidade, absorben a enerxía recibida en maior ou menor grao.

Como algúns usuarios da televisión comprobaron, a instalación dun parque eólico entre o centro emisor e a antena da casa non demorou en producir na pantalla do televisor un efecto molesto cunha cadencia aparentemente fixa: a que corresponde ao paso dunha aspa de xerador eólico polo feixe de microondas da televisión.

Como se puidera chegar a tal situación? Por que se ergueran os parques sen ter en conta que as pas dos muíños podían cortar o paso das microondas de servizos anteriores á licenza de explotación eólica? Pois por falta de regulamentación ao respecto. E como se resolveu o problema en cada caso? Montando un repetidor do sinal de televisión ao outro lado do parque eólico, por conta da compañía explotadora dos xeradores.

Efectos menos visibles, pero máis graves, prodúcense con servizos coma os dos radioenlaces directivos, ou cos sistemas de radiocomunicación celular, para telefonía ou para acceso a Internet. Nestes casos, se cadra, as solucións son moi difíciles, se non imposibles. Como imposibles de resolver son os problemas que provocan os xeradores eólicos interpostos entre os sistemas de radiolocalización e os obxectos a radiolocalizar: a goniometría e o radar.

A goniometría baséase no uso de sinais de radio continuos para determinar a posición de, por exemplo, un barco; o radar, no envío de impulsos de microondas e a recepción do seu eco. Coa proliferación de parques eólicos en zonas costeiras de Galicia, xa hai décadas que se descubriron as consecuencias para eses sistemas vitais no apoio á navegación segura: non só os piares de aceiro das torres fan rebotar as microondas, impedindo o seu avance; tamén o fan parcialmente as compoñentes dieléctricas das aspas e totalmente os seus elementos metálicos. Antenas de goniometría e de radar fican cegas para determinados ángulos da súa zona de vixilancia. E, para máis complicación, unha ringleira de torres metálicas pode producir rebotes secundarios que tolean o radar.

Estamos a abandonar a era do petróleo e entramos con forza na era das enerxías renovables, unha das cales -abundantísima en Galicia- é a eólica. O colectivo dos enxeñeiros de telecomunicación caracterízase por estar sempre na crista da onda tecnolóxica; lonxe pois do noso pensamento estarmos contra a instalación de aeroxeradores (que xa veñen con torres de 120 metros, aspas de 75 de longo e xeradores de 5 Mw). Porén é o noso deber reclamarmos un elemento máis na regulamentación referente á enerxía eólica: o demandante de licenza para a instalación de xeradores debería presentar á Administración un estudo pormenorizado -realizado por enxeñeiros de telecomunicación- dos servizos de radiocomunicación e radiolocalización xa existentes na zona de dita instalación.

Cando estamos a falar da 5G, da Internet das cousas, dos automóbiles sen condutor e dos drons, os actuais conflitos entre aeroxeradores e microondas son cousa miúda en comparanza cos que poidan xurdir.

XAVIER ALCALÁ NAVARRO

Enxeñeiro de telecomunicación. Membro da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Aeroxeradores e microondas