Comunicando desde Fontán

Elena Vázquez Cendón LA OPINIÓN ELENA VÁZQUEZ CENDÓN

MERCADOS

17 dic 2017 . Actualizado a las 04:45 h.

Camiños de auga, de terra e de vida. Camiños da nosa Terra que Domingo Fontán soñou fai 200 anos desde Portas para acadar a comunicación de Galicia. Esta figura senlleira permítenos evidenciar a longa historia do compromiso social das Matemáticas con Galicia e coa transferencia do coñecemento. A comunicación, esta teima de Fontán que lle levou a triangular Galicia poñendo só os marcos que identificaban vértices e alturas, pero nunca lindeiras, é a que nos ocupa. A comunicación como fonte de colaboración. Un exemplo é a xornada Matemáticas: habelas hainas, queremos contarchas. Oito persoas relatoras fixéronnos escoitar galego e estimar en fontáns pequeniños onde poderían estar as persoas locutoras, as probabilidades dos nosos apelidos, mergullámonos en Matemáticas, compartimos segredos, medimos con lá a terra aprendendo a ver os mapas, pasamos do valor absoluto á converxencia de sucesións con Matemáticas doutra Galicia e optimizamos os cambios para non romper os petos coas moedas, sen deixar de mirar ao ceo para ver a danza da gravidade.

Este soño fixémolo realidade cos membros do Seminario de Iniciación á Investigación, que desde fai doce anos comparten con admiración as súas achegas. A xornada permitiunos estender este sabor do saber a todo o equipo docente, persoal de administración do centro e estudantes de todos os cursos do grao en Matemáticas e dos dobres graos en Enxeñaría Informática e Matemáticas, e en Matemáticas e Física, aos seus compañeiros e compañeiras de piso doutras titulacións, dos másteres en Matemática Industrial, Matemáticas e Técnicas Estatísticas, e dos tres programas de doutoramento.

O noso reto formativo é que as persoas que se incorporen aos mesmos os rematen coa satisfacción de ter atopado a formación que os capacite para ser bos profesionais nos ámbitos nos que se sintan máis motivados. E que se incorporen ás empresas que hoxe os demandan coa mellor formación e competencias en este bo momento de inserción laboral para os profesionais das Matemáticas.