Non volvín escoitar a mención do demo como arma arroxadiza desde a miña nenez, en Vilalba, a miña primeira escola de galego popular, este que sigo a utilizar cos matices cos anos e o roce foron propiciando.
Cando se quería indicar que unha persoa sufrira un arrebato e agredira a alguén de xeito repentino, dicíase que «lle pegara cun demo», dando a entender que fora un cabreo súbito polo que utilizara o primeiro que atopara a man.
Pensando no rural, o que se supón que se tiña a man era un pau, traballado ou en bruto, atopado ou arrincado de onde fose doado. Tamén podía ser calquera outro obxecto, manexable segundo as forzas do usuario, ao que non lle chamo agresor por se a acción fose resposta a unha agresión previa, física ou verbal.
Pero ademais do pau, sempre había a man instrumentos de labranza, como por exemplo un sacho que, de feito, servía ás veces de momentáneo desafogo para dirimir cuestións para as que quizais non chegaban as palabras.
Con todo isto non quero dicir que o meu contorno vilalbés fóra violento -de feito non lembro ter presenciado nunca liortas- pero ás veces as palabras van por diante dos feitos e utilizar o demo como obxecto contundente quedaba para os relatos de trafulcas, sempre magnificadas, que tiveran lugar en tempos pretéritos e en lugares imaxinarios.
A todo isto, non sei ben por que empecei a falar do demo e de utilizalo para agredir a alguén, porque o que pretendía era falar de okupas e okupacións, pero esta cabeciña parece empeñada en que o santo se me vaia ao ceo e apareza o demo en primeiro plano.