Vilalba viviu un importante crecemento nos alegres anos vinte

xosé a. pombo

VILALBA

ARQUIVO J.REBOREDO

A expansión da vila cara ao leste asentouse durante a «belle époque»

23 nov 2020 . Actualizado a las 11:21 h.

Vai para un século, nos chamados alegres anos vinte, en Vilalba adóptanse unha serie de decisións relacionadas co urbanismo que marcaron durante decenios a construción de novos edificios e a expansión da trama urbana. Poñémonos en situación recordando que a praza do Campo Castelo, hoxe de Suso Gayoso, era testemuña muda das feiras do gando cando aínda non existían as casas acaroadas á muralla da fortaleza mentres que outros produtos do campo eran tratados en prazas próximas.

Recordamos tamén que en 1865 o Concello quería acondicionar como lugar de negocios do gando un gran espazo que rodearía a torre da fortaleza aproveitando o mal estado da muralla e que se lle podería comprar o castelo á casa de Berwick e Alba. Era ese un lugar libre de construcións. Por causas non ben aclaradas, aquelas viráronse e foi o caso que catorce anos despois, ano 1879, decidiuse adecuar a Chouzana como lugar para feirear.

Confeccionados os planos, acordadas as expropiacións e rematadas as obras, o terreo quedou acondicionado en 1881. Logo, para dar sombra aos tratos, o lugar encheuse de árbores que se ían substituído cando se deterioraban. Pero os accesos ao recinto feiral quedaron escasos e non exentos de problemas loxísticos. Pola parte máis elevada ou sueste do novo campo, a actual estrada a Meira non estaba feita e dábaselle acceso por camiños estreitos que chegaban dende o camiño real, rúa do Calvario, que pasando a carón do cemiterio construído en 1863 continuaba cara á Terra Chá.

Pola parte noroeste que daba á Carretera a existencia dun murallón con escaleiras só permitía o acceso a viandantes. Quedaba, como vía máis utilizada para que o gando maior entrase e saíse do campo, un camiño mal empedrado que partía da praza do Castelo, que atravesaba a feira e que daba servizo ás leiras en dirección nordés; é dicir, seguía o trazado da actual rúa Basanta Silva, vía que tardou en acondicionarse por mor de preitos polos lindes de solares e casas acaroadas a ela.

Pasados corenta anos, xa na década de 1920, a fotografía que se acompaña ilustra o pedrento e descoidado camiño de entrada á feira que beirarrúas e acacias separaban da estrada ou carretera inaugurada en 1860, que denominou de Ferrol-ponte de Rábade e que no tramo urbano recibía daquela os nomes de Cos-Gayón, hoxe rúa de Galicia, e de Rodríguez de Viguri, hoxe rúa da Pravia. A imaxe complétase coa estampa da casa coñecida como de Abelleira, con xardín presidido por un ciprés e sen as galerías que hoxe loce. A Pravia, solemne, expandía as súas pólas para dar sombra aos viandantes que o avisado lector pode adiviñar e que transitan pola praza do Castelo.

 Compra de millo

Naquela década de 1920, pasadas as carestías de produtos do campo motivadas pola Guerra Europea, cando chegaban aos comercios vilalbeses os cartos do comercio das feiras e do traballo dos habaneiros, outros asuntos ocupaban ás xentes vilalbesas. 

Os sindicatos agrarios católicos compraban millo importado e abonos químicos e aseguraban o gando ante posibles desgrazas; as parroquias querían construír edificios hixiénicos para escolas; esperábase por un ferrocarril, aínda que fose tranvía, que conectase Mondoñedo e Ribadeo con Baamonde e Lugo; no Centro de Artesáns, emprazado no café Valeriano, tanto se facían veladas ou bailes como se daban relatorios; a luz eléctrica era moi mellorable; condecorábase ao médico Domingo Goás Canto coa cruz de Beneficencia polos coidados prestados aos vilalbeses durante o andazo de gripe de 1918-1919; o cine era unha novidade e proxectábase no Teatro Vilalbés, construído en 1918 con deseño modernista e hoxe desaparecido, vítima de feroz especulación e de falta de ordenación urbanística; o teléfono só prestaba servizo interurbano e o urbano agardaría ata finais do decenio; Andrés Basanta, alcalde que fora durante máis de vinte anos, morreu a primeiros de 1921 e tres ou catro anos despois o lousado da súa casa serviu de emprazamento para realizar a foto superior aquí reproducida...

E unha aspiración, por anos desexada, ocupaba o interese de todos os vilalbeses: o hospital asilo tiña que ser acabado. Foron, unha vez máis, os habaneiros, dirixidos polo santaballés Agustín López Arias, os que tomaron a iniciativa. Na achega de recursos económicos con destino ás obras tivo especial importancia a Unión Villalbesa, establecida na Habana, sen esquecer os fondos remitidos dende o Centro Villalbés de Bos Aires nin as mandas testamentarias e doazóns de xente vilalbesa.

 Caras coñecidas

No ano 1923, antes de reiniciárense as obras do hospital, datamos a fotografía das dúas señoritas que posan para o fotógrafo mentres visitan o lugar e locen modelos que non desmerecería nun desfile parisinos.

ARQUIVO J. REBOREDO

Recoñecemos á esquerda a Hortensia Campos Goás, filla de Francisco Campos Hernández, comandante do batallón de reserva con sede en Vilalba e de Angustias Goás Pardo-Montenegro, da liñaxe dos Goás. Nese mesmo ano casou co médico e farmacéutico militar, co grao de capitán, Daniel García Vázquez-Rúa, quen, despois de servir como farmacéutico na guerra de África e na farmacia militar da Coruña, estableceu consulta de médico en Vilalba, onde chegou a alcalde.

Á dereita recoñecemos a Luísa Soto Fernández, unha das fillas da ampla descendencia de Vicente Soto (ou Souto) López e de Dolores Fernández Requeijo. Non moito despois de protagonizar o posado, Luísa marchou a Vigo, onde se estableceu cunha sobriña. E o cronista debe agradecer a garda e custodia de imaxes e datos do historiador J. Reboredo e da liñaxe de Antonio Peña, que permiten recordar a intrahistoria de Vilalba.

Un espazo no que a vila foi medrando en tempos recentes

A expansión cara ao leste que Vilalba comezaba hai máis de cen anos non foi un feito illado ou interrompido de súpeto. A rúa da Emigración, Novo Cazón e Basanta Silva son, dende hai décadas, vías plenamente integradas no centro urbano, con vivendas e negocios. O mesmo ocorreu coa estrada de Meira, rúa Chao Ledo no comezo e avenida da Terra Chá despois, en cuxos terreos se ergueron numerosos edificios en décadas recentes.