Adeus a árbores simbólicas de Vilalba

Céntricos espazos da vila foron quedando sen as especies vexetais que as caracterizaban

Á esquerda, ao fondo, o olmo que aínda resistía na parte alta da praza da Constitución
Á esquerda, ao fondo, o olmo que aínda resistía na parte alta da praza da Constitución

Vai para 90 anos que o mestre Jesus Gomar, destinado en Vilalba, escribía no xornal «Faro Villalbés»: «…el árbol es pureza de belleza en la estética, talismán de salud, árbitro de la meteorología, prensa de riqueza agrícola, garantía de desarrollo industrial, es… venerable y silencioso sacerdote de quien depende el bienestar humano». 

  As palabras reforzaban a idea que, promovida polo Concello dende 1912, facía que os escolares aprendesen o coidado da natureza en xeral e das árbores en particular. Anos antes, dende as páxinas do tamén periódico «Eco de Villalba», xa se difundían os beneficios que aportaban as árbores tanto na conservación do medio ambiente como na mellora de campos e cultivos. Por tras andaban as ideas da Institución Libre de Ensinanza, que dende o finais do século XIX proclamaba, entre outras, a necesidade de que os estudantes aprendesen fóra da aula con actividades que promovesen o coñecemento e valoración da contorna.

 Plátanos en 1881

Mirando atrás no tempo recordamos aquel 1881, cando se trasladou a feira de gando, motor económico da vila, dende o Campo Castelo para A Chouzana, e houbo que adecuar os novos espazos para facilitar o comercio. Daquela trouxéronse de Monforte plátanos de sombra e chopos negros que supuxeron a importante cantidade de 362 pesetas para o Concello e máis houbo que pagar por plantalos. E como non todas as árbores sobreviviron aquel inverno e o primeiro ano de feira, no inverno seguinte substituíronse as danadas por outras especies máis propias da comarca, que eran castiñeiros de indias e pravias ou pradairos.

Despois viñeron tempos nos que as filosofías da Institución Libre de Ensinanza e aqueloutras máis tradicionais de gardar e delimitar os camiños con árbores foron esquecidas. En 1925, por orde da Alcaldía, foron pinchadas as acacias de certo porte que campaban no chamado Cantón, diante da igrexa parroquial, e que foran plantadas en 1893.

Adeus ás acacias

Na mesma década, en sucesivas etapas, naquel tempo que se melloraba o firme do tramo da rúa coñecida como Carretera e que pasou polos nomes de rúa do Progreso, Rodríguez de Viguri, da República... (hoxe, rúa da Pravia) foi cando desapareceron tamén as acacias que separaban os espazos de vehículos e viandantes.

Pensábase que era o prezo que se pagaba por mellorar transportes e comunicacións. Anos despois chegaron outros progresos. O campo da feira trasladouse para o ventado alto do Castros e quedou liberado un espazo que ben debera servir de lugar de ocio a vilalbeses e forasteiros. Pero a parte inferior do vello campo da feira, a que lindaba coa Carretera e servía de balcón para os paseos dominicais, padeceu o ser desposuída de terra e o ser acoutada a expansión arbórea nunha alameda sen álamos. E aínda a parte superior daquel campo, despois de sucesivas reformas símbolo de indecisións urbanísticas e dun planeamento nunca ben deseñado, na década de 1980, quedou sen aquelas frondosas que durante cen anos foran testemuñas de transaccións mercantís enriquecedoras da vila e de xogos dos cativos.

Imaxe da alameda a mediados da década dos sesenta do século pasado
Imaxe da alameda a mediados da década dos sesenta do século pasado

Desprazar árbores por pedra ou formigón non é cousa do pasado. Poucos anos hai que as pravias que noutrora abeiraban o camiño da Chouzana, esas que asombraban paseos de verán e servían de lugar de encontro de maiores, alegando estar enfermas, foron cortadas polo pé. E volveu chegar o progreso da pedra e do cemento para ocupar espazos arbóreos.

Tan só resistía no alto do vello campo da feira, silencioso exemplo do pasado, un olmo encaixado en formigón, desposuído das solemnes pólas que aínda querían dar sombra para os xogos dalgúns nenos. As raíces dese olmo negriño, plantado hai agora 138 anos, xa non soportaron faltas de coidados e secas. Hai semanas que o vimos sen follas. O final do verán foi o final da súa vida e o inverno chegoulle antes de tempo.

As pequenas pólas coas que quixo agromar nos últimos anos nin puideron atallar salvaxes podas, nin puideron devolverlle vida, nin deron termado de tan magnífico exemplar. E mirando para el, nestes días próximos a Defuntos, só queda entoar un réquiem e agardar que o lugar sexa ocupado por outra árbore que non desmereza o centenario negriño. Pero o tempo pasado, aquel que foi, xa ninguén o ha recuperar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Adeus a árbores simbólicas de Vilalba