Saúdos, abrazos e bicos

Xulio Xiz TRIBUNA

VILALBA

25 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é que eu sexa especialmente expresivo en directo, pero este tempo opresivo aféctame por restrinxir os máis mínimos saúdos. Atopar persoas que coñezo e estimo, e non poder dar a man ou unha palmada nas costas, e reducir todo a un «Ola», no que nin sequera se aprecia o sorriso filtrado, déixame frustrado.

Teño amigos de dar a man e amigas de bico na meixela, acompañado todo das palabras axeitadas; amigos de aperta estreita, e amigas que acompañan a aperta cunha man acariñando as costas; e amigos de bico na meixela como se da a un fillo, pai ou irmán. Pero iso é pasado porque agás a familia máis de preto, polas actuais circunstancias, mantéñense distancias e evítanse contactos físicos, limitándose aos auditivos e visuais, e nestes últimos eu xogo con desvantaxa.

Agora, as apertas úsoas con fruición nos correos, que aí podo seguir sendo expresivo, pero teño que conterme aínda que ás veces, sen decatarme, propásome con estas regras estritas que converten en vulgar o rancio protocolo. As actuais normas de boa conduta impoñen que o máximo contacto entre persoas de calquera condición é un xesto estrañamente amaneirado de achegar os antebrazos ata que os cóbados se encontren, acompañando todo dun sorriso que non se aprecia porque a máscara tapa todo. Cada vez que contemplo esa ridiculez lembro que de nenos, en Vilalba, cando queríamos provocar ao que por momentos pasaba de amigo a contrario, empuxabámolo co ombreiro como provocación que desembocaba en retroceso ou agresión. Cando vexo a dous políticos saudarse así, pensou que van acabar a losqueadas.