Juan Pablo Alonso: «Non podemos tocarnos, pero temos que sorrir na rúa»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

CEDIDA

Este crego, encargado da delegación vilalbesa de Cáritas, subliña que os problemas derivados do coronavirus e do estado de alarma xa se están a notar na poboación máis vulnerable    

20 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Pablo Alonso, sacerdote pertencente á unidade pastotal de Vilalba, decidiu a pasada fin de semana que a capela de San Roque, situada no centro da vila, estivese aberta, mesmo pola noite, mentres se pechaba unha gran parte das igrexas. Ao día seguinte pechouna; agora volve estar aberta por se alguién quere ir rezar ou levar unhas flores. Tamén traballa na delegación de Cáritas na vila, onde segue a desenvolver o labor mentres as outras persoas voluntarias están nas súas casas, como a maioría dos cidadáns. Antonte houbo reparto de vales.

-Como é a situación que ve en Cáritas estes días?

-As familias desfavorecidas e con nenos son a prioridade. A xente que tiña traballo en precario quedou na rúa. A pobreza comeza sempre polos máis vulnerables. Zonas coma Sudamérica ou África quedrán postergadas ao último do último.

-Hai que espallar con maior necesidade unha mensaxe de esperanza?

-Sempre hai un canto á esperanza. Na historia da humanidade ten habido moitas epidemias, coma as da peste, a gripe do 18, a tuberculose... A min non se me está a pedir máis do que se lles pediu a meus avós.

-Cal debe ser o labor da Igrexa nun momento difícil coma este?

-A Igrexa fai parte da sociedade. Este é un momento de oración e de exercicio da caridade con responsabilidade.

-Fai a Igrexa estes días todo o que pode facer ou todo o que debe facer?

-Os bispos non son epidemiólogos. Se os científicos están desorientados, que nos queda a nós, pastores de almas? O que si está claro é que podemos facer algunhas cousas: non podemos tocarnos, pero temos que sorrir na rúa.