«Os problemas no PP de Vilalba son máis persoais ca ideolóxicos»

Agustín Baamonde cre que o seu goberno fixo un labor intenso, pero que faltou tempo para reverter a situación


VILALBA / LA VOZ

José Quigoga Suárez, presidente da Xunta preautonómica, dixo que unha derrota da UCD sería tan pouco probable como que o Amazonas variase o seu curso: chegaron as eleccións de 1981, e Alianza Popular foi o partido más votado, aínda que o río segue a discorrer por onde ía. O Magdalena continúa a pasar baixo a ponte dos Freires e xunto ao muíño do Rañego, pero o PP vén de perder en Vilalba as eleccións municipais. As augas políticas andan algo revoltas.

-Perdeu o PP ou gañou o PSOE?

-Cada un pode interpretar o que pasou como queira. Probablemente se deu algo das dúas circunstancias.

-O PP era en Vilalba, polo xeral, un partido forte e unido. Fallou esa unión?

-Á vista está que fallou esa unión. Unha parte da explicación do resultado está nesa fenda que había, ou que hai, no partido.

-Pecharase axiña esa fenda?

-Ese é o asunto que hai que afrontar. A solución? Non está na miña man, nin creo que a teña ninguén. Creo que haberá que facer un esforzo entre todos.

-Por que se chegou a esa situación?

-Son circunstancias da evolución. Tanto tempo de exercicio do poder causa desgaste. Naturalmente, friccións hai sempre. Hai veces en que se entenden; outras veces, xa é máis difícil.

-No 2016, no pleno no que tomou posesión como alcalde nesta nova etapa, defendeu a necesidade da «política con maiúsculas». Cre que a houbo en Vilalba nestes dous anos e medio?

-Entendo que se fixo un traballo intenso e bo: resolvemos problemas que estaban creados, como a gardería ou o centro de alzhéimer. Hoxe dous anos non son tempo para reverter unha situación que xa se adiviñaba complexa; pero os resultados de hai catro anos xa nos indicaban unha situación difícil. A nova lei de contratos non provoca parálise, pero si lentitude. Hai proxectos que non se fan da noite á mañá, como a modernización do medio rural, levando Internet ou o transporte. Iso leva tempo, necesítase unha lexislatura.

-«É evidente que o PP, como é lóxico, acusa o desgaste do paso do tempo». Díxoo vostede no 2016, ao día seguinte de tomar posesión. Notouse ese desgaste máis do que se podía supoñer?

-Probablemente si. Pesou máis o pasado ca a perspectiva de futuro que se pretendía, tanto no programa como na lista.

-Foi o da Xunta un goberno amigo?

-Ao gobernar na Xunta o PP, obviamente é un goberno amigo. En tempos pasados, con figuras como [Manuel] Fraga, hai que ver as circunstancias e os fluxos económicos: case había máis cartos ca necesidades. Se daquela as axudas da Xunta eran máis discrecionais, agora son máis regradas e suxeitas á normativa. Houbo axudas da Xunta que non puidemos canalizar; quedan realizacións que se van executar a posteriori. Esa rixidez da Administración é un hándicap. Polo demais, receptividade sempre tivemos.

-O PP nunca tivo en Vilalba competencia doutros partidos de centrodereita. Chegará un momento no que haxa outras candidaturas?

-Dada a evolución da política a nivel xeral, é un fenómeno que antes ou despois se trasladará a outros sitios. Non hai máis que ver que aquí, nas [eleccións] xerais, Ciudadanos e Vox captaron un número significativo de votos: entre os dous supuxeron uns mil votos.

-Quen será o candidato do PP de Vilalba no 2023?

-Iso é xogar a futuribles. Non hai máis que ver o que pasou co Partido Socialista e o tempo que transcorreu entre a súa caída ao inferno e a subida ao ceo.

-Curaranse as feridas no PP de Vilalba?

-As fendas nos partidos non son doadas de soldar, pero tampouco é imposible conseguilo. Teño a esperanza de que sexan circunstanciais.

-Hai boinas e barretes no PP de Vilalba?

-Os problemas afectan máis ao persoal ca ao ideolóxico. No ideolóxico, non hai razóns que apunten a esa división.

«As fendas nos partidos non son doadas de soldar, pero tampouco é imposible»

«Pesou máis o pasado ca a perspectiva de futuro que se pretendía»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Os problemas no PP de Vilalba son máis persoais ca ideolóxicos»