«A vida fóra da política é boa»

O deputado vilalbés Eduardo Vidal anuncia a súa retirada e valora o seu paso pola Deputación


lugo / la voz

Eduardo Vidal Baamonde abandona a primeira liña da política. Anunciouno no último pleno do seu municipio, Vilalba. Militante do PSOE desde o 2004, nestes 15 anos desempeñou cargos e cometidos coa mesma seriedade e rigor que transmite no trato persoal e nos plenos da Deputación como deputado de Turismo.

-Por que deixa a política?

-Chega o momento que hai que coller o camiño de volta. Logo dun traballo intenso no aspecto organizativo e no goberno institucional, hai que regresar á profesión e relaxarse un pouquiño. Chegar á noite e non ter todos os días que pensar qué vai pasar no día de mañá a nivel político... Seguirei preto da política e apoiando aos compañeiros. Ese camiño de volta hai que tomalo algunha vez, e tomeino tras unha longa reflexión e tras deixar as cousas que iniciei consolidadas para que outros podan recoller o relevo, principalmente na agrupación de Vilalba, que está forte e con xente comprometida.

-Tivo máis chamadas estes días?

-E que a xente que me coñece pensa que nin de broma o deixo ou non o acaban de entender. A política rouba tempo que non valoramos porque estamos na inmediatez para dar respostas ás solucións. Agora toca retomar ese momento de refuxio de paz e estar coa familia e os amigos. Hai que pensar que unha vida fóra da política é boa e que a teño que gozar.

-O seu paso pola Deputación acelerou a súa decisión?

-Si desgasta a toma decisións diarias, pero non tivo nada que ver. A candidata en Vilalba, Elba Veleiro, facilitoume a decisión.

-O traballo na Deputación foi o que esperaba?

-É que estes catro anos non foron ao uso. Pasáronse momentos moi duros e malos. O peor foi cando un compañeiro de partido lle dá a presidencia ao PP. Aí pensas moitas cousas, porque acabas de entender que non todo o mundo está en política por uns valores e sentimentos e unha maneira de traballo, senón que cando se meten as relacións persoais neste mundo, bota por terra moitos principios que tiñas. Empezou un mandato convulso e remata asentado, cun presidente da Deputación que fai un bo traballo e que nos obriga a todos a medrar na dificultade.

-Destaca a Darío Campos.

-É que non era o primeiro candidato, pero soubo dar un paso adiante nunhas condicións moi difíciles daqueles días. Foi un argumento de compromiso que descoñeciamos en Darío e sóubonos encamiñar a todos cara a nova situación. Pero non nos enganemos: non pensabamos que fora pasar o que pasou, pero el soubo organizar un goberno e nós participamos na mellor maneira que puidemos e tamén comprometidos con el.

-O seu paso pola área de Turismo.

-Non esperaba que me desen esta responsabilidade. Eu viña de traballar no sector primario, e pasar ao terciario e servizos obrigoume a cambiar as cousas. Empezamos sen nada e fomos creando un equipo e proxectos. Cando cheguei, o señor Armesto deixou a mesa limpa, e nós en catro anos fomos capaces de crear o plan estratéxico, no que participaron más de 200 persoas do sector, e xa fixemos a primeira reunión do Consello Provincial de Turismo. Queda unha base para o que siga con esta delegación.

-O turismo pode ser unha das solucións para a provincia?

-O turismo aguantou a crise e creo que non somos coñecedores das potencialidades que temos. Hai que buscar a autoestima do que temos a nivel de patrimonio material e inmaterial.

«Non todo o mundo está en política por uns valores, sentimentos e unha forma de traballo»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«A vida fóra da política é boa»