Xavier P. Docampo


OSe digo «O misterio das badaladas», «Cando petan na porta pola noite», ou «A chave das noces», estou a dicir Xabier Puente Docampo. Chairego nado en Rábade en 1946, en Castro hai unha rúa co seu nome, en Vilalba ten monumento no Paseo dos Soños, e a súa traza de bo home, gran escritor e magnífico conversador tíñanlle colleitado lectores e amigos a milleiros.

Mestre comprometido coa renovación pedagóxica, escribiu para nenos e rapaces, foi actor e director teatral; guionista para o audiovisual... E por riba de todo, o seu era a palabra fonda, precisa, adubiada cunha voz rexa, como se a natureza se expresara pola súa voz.

As súas obras deparáronlle os premios máis prezados, fosen o Nacional de Literatura Infantil, o Rañolas á mellor obra xuvenil; o Ibby, ese nobel da literatura para rapaces, ou o Irmandade do Libro.

No 2008, os de Xermolos e a Irmandade Manuel María erguemos, no Paseo dos Soños de Vilalba un monolito dedicado a Agustín Fernández Paz, vilalbés, grandísimo escritor, no que unha pila petrea de libros conserva a súa memoria. No 2009, ergueuse o seguinte monolito, este de ferro, realista e tamén alegórico, a Xavier Puente Docampo. O 2016, fóisenos Agustín, e a mediados deste 2018, Xabier.

Unha vez, Xabier díxome que agora eran moi complicados os diagnósticos das enfermidades, xa que antes só había dúas posibilidades cando alguén morría: ou «levaba tempo encamado» ou «morrera de repente». Xabier arrastrou longa enfermidade, pero para nós, morreu de repente. Que a terra lle sexa leve, e que a onde chegue saiban valóralo e estimalo como Xabier merece.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Xavier P. Docampo