Chamaban os latinos magister a homes posuidores de virtudes para ensinar, mandar un navío, responsabilizarse do exército... Para o caso que nos ocupa, o que mellor acae a Xulio Xiz é citalo como magister liberarium artium, é dicir, mestre nas artes liberais, nas letras, un humanista. Así é como os vilalbeses, chairegos e aínda xentes de máis aló coñecemos a este insigne vilalbés. Ata onde chega a memoria sempre o recordamos en
actos de carácter festivo ou cultural que se desenvolven na comarca. A súa fonda voz,
recoñecible en calquera ámbito, lugar ou circunstancia, provoca unha chamada de atención ás mensaxes que de xeito claro transmite e recoñécense nelas a fonda humanidade que transmite a súa persoa.
O Concello de Vilalba tivo a ben recoñecer os méritos de Xulio Xiz e loar o traballo
calado e altruísta en favor da vila, e por iso acordou concederlle e entregarlle a medalla
de ouro de Vilalba, acto puntualmente informado nestas páxinas. Glosáronse os seus méritos, contáronse anécdotas e feitos non tan anecdóticos e con todo o conxunto puxéronse de manifesto as súas valías e as querenzas dos seus veciños. Nós unímonos ao que se dixo e resaltamos que tras dos grandes feitos hai grandes homes. Do realizado nada se podería entender se en Xulio non aflorasen sentimentos de humanidade, de artista liberal, de boa persoa.
Fan ben os responsables municipais en recoñecer os méritos de Xulio Xiz. Facemos ben
os veciños recoñecendo o merecido. Desexamos que a homenaxe ofrecida non se esqueza e que siga por moitos anos. E que o vexamos todos.