Paseos pola Terra Chá para aprender

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

ARCHIVO IESCHA

O establecemento hostaleiro inaugurado en 1967 foi un gran pulo para acadar unha oferta de calidade

27 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta curioso, e por veces interesante, ler os escritos dos viaxeiros ao seu paso por Vilalba e pola Terra Chá. Nestas mesmas páxinas, xa nos referimos a Ramón Otero Pedrayo e ás docerías El Progreso e La Vizcaína, dous establecementos da capital chairega xa pechados pero cunha sona que durou décadas, e citamos a A. F. Bell, que tivo por compañeiro de viaxe aquel soldado veterano de Roupar que só manexaba a idea de poñer preito ao rei para cobrar atrasos de servizos prestados en Cuba.

Pero houbo máis xente de paso pola comarca chairega. En 1905 un médico portugués menciona que a entrada da vila dende Baamonde tiña aspecto de ruela de aldea vella, que estaba presidida por un calvario con lámpada acesa e que logo aparecía dunha capela; e finalmente destacaba a deteriorada torre dos Andrade que dominaba a vila. Engade que dende aquí partían os automóbiles de Baamonde, Lugo, Viveiro e Ribadeo. E despedíndose o doutor José V. Fialho de Almeida abandona a vila camiño de Mondoñedo por unha rúa moi extensa con casas dun ou dous pisos, todas en liña, con beirarrúas de lastras, e quedando á dereita unha alameda con parapeto de gradas onde se facían as feiras. Aínda que pasaron décadas, a descrición resulta coñecida para o lector de hoxe, que ben pode situarse no centro de Vilalba tendo en conta ese texto. Remata o escrito dicindo: «Nada parece ter [a vila] de importancia, e a torre tampouco terá que visitar».

O asunto dá que pensar. 112 anos despois convén unha reflexión sobre o que ten que ver o viaxeiro en chegando a Vilalba e á Terra Chá. Certo que o patrimonio histórico-artísco non é o mesmo ca o dunha cidade relativament próxima como Mondoñedo e que o denominado casco histórico está como está; sábese dos centos de ríos e regatos salvados por pontes, pontellas, pasos e portos mentres discorren dando voltas e apagan a sede de veigas e fragas rodeadas das paisaxes espléndidas sempre firmes, sempre cambiantes.

Pero todo isto hai que mantelo e difundilo. Os sinais indicadores son mellorables, cómpre elaborar folletos turísticos que orienten os viaxeiros. Pero o que ninguén negará é que os establecementos hostaleiros que en Vilalba e na Terra Cha reciben hoxe ao visitante son de primeira calidade.

Visitar a serra da Carba, admirar aves nas lagoas de Cospeito ou de Castro, adiviñar o fin das terras polo leste indo para Meira, tomar as aguas en Guitiriz ou os baños na charca do Alligal, acubillarse baixo o teito dunha torre de cinco séculos agardando pola pantasma de Fernán Pérez... todo iso é algo que ben paga a pena se o transeúnte o valora. E para repoñer forzas degustarase o roscón de améndoa ou a torta de millo, catará os valorados queixos de San Simón da Costa e loará tanto o capón coma os mil alimentos que a comarca ofrece. Sen esquecer que non todo ha ser comer mentres estea entre nós.

Viaxar, facer turismo, debe ser algo máis que facer unha foto diante dunha igrexa ou dun cruceiro: detrás de cada obra hai persoas que viven ao seu carón, traballan, teñen ideas e viven co seu modo de pensar. Coñecer e comprender modos distintos de afrontar o continuo discorrer da vida forma parte do enriquecemento do viaxeiro. E se ademais leva consigo un caderno de viaxe onde anotar todoas as vicisitudes do camiño e do que observa, sempre lle quedará o recordo das emocións vividas e do aprendido.

Porque viaxando tamén se aprende, e todo aquel que se achegue á Terra Chá, non importa de onde veña, atoparase certamente con moito que aprender. Só fará falta que teña os sentidos atentos a todo o que hai ao seu redor.

O establecemento hostaleiro inaugurado en 1967 foi un gran pulo para acadar unha oferta de calidade

Os alicientes naturais, paisaxísticos e gastronómicos son de primeiro nivel