Cerna de Carballo

Xulio Xiz TRIBUNA

VILALBA

07 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Goberno da Terra Chá, repousa Xosé Manuel Carballo. Despedímolo dous bispos, máis de 70 curas ?un mundo de cregos, cando os cregos escasean), e centos de amigos rezando polo amigo. Para quen non saiba del, digo que foi o que escribiu: O menciñeiro á forza, vertendo a obra de Moliere Le medecín malgre lui ao noso idioma e ao noso xeito. E gañou no 93 o premio de narrativa de Vilalba, con Don Otto de viaxe pola Chaira, que hai en moitas casas de Vilalba e Castro de Rei, onde os alcaldes mandaran exemplares a todos os fogares.

Foi mestre, escribía nos xornais, falaba pola radio, fixo programas na primeira Televisión Lugo, contaba contos… Decía que era ilusionista por repartir ilusión, e non mago. Pero o Mago Antón fíxose mago por quedar abraiado nunha actuación de Carballo no vello Gran Teatro.

No Paseo dos Soños, un Hm. literario é de Carballo. Castro de Rei teno por Fillo Predilecto, e hai pouco que no libro Cerna de Carballo, 200 amigos comparabámolo coa árbore máis forte dos nosos montes. Fixo vídeos de formación relixiosa, escribiu e dirixiu obras de teatro, foi delegado de catequese da súa diocese, e membro do comité que estudou o papel do galego no ensino e na igrexa.

E era crego. Teño que recalcalo porque el proclamaba que, por riba de todo, era crego, e que todo o que facía era para honrar a Deus. Con estes antecedentes, non é raro que Deus quixera telo consigo, e levouno cando remataba outubro. Despedímolo, sabendo que está mellor ca nós, porque se el non está no ceo, a ver quen da entrado alí. Xosé Manuel Carballo, Santo súbito, descansa en paz.