O particular e o universal

Xosé Antón Pombo

VILALBA

O primeiro coñecemento das persoas é o inmediato a elas. O que sucede na contorna próxima axuda a comprender sucesos de máis lonxe. E reunindo todo o saber asimilado aproxímannos ao coñecemento universal. É dicir, o universal non se comprende sen previamente entender o próximo.

Deste principio xa se decataron algúns sabios hai tempo. Confirmámolo cando observamos eses antropólogos culturais que coñecen a diversidade social que os rodea antes de estudar culturas de lonxe perdidas en selvas ou illas do mar océano. Indagan nas tradicións e significados das festas tradicionais inmediatas para comprender tanto a relixiosidade propia coma a que practican sociedades da Polinesia.

Observan as coincidencias nos significados de comportamentos, ritos e crenzas de culturas distantes que logo se poñen de manifesto e levan á comprensión do saber universal.

Á mesma conclusión chegamos de nos fixar nos roles dos individuos: o bardo viquingo e o poeta decimonónico; o chamán indio e a meiga nativa; o ambicioso ignorante e o sabio mesurado; o rico prepotente e o discreto eficiente. En fin, xentes de todo tipo que desempeñan funcións escollidas en sociedades diversas.

Velaí, pois, como o universal resulta ser o inmediato e como o inmediato chega a conformar o universal.