Aproveitar o movemento

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

TRIACASTELA

RADIOGRAFÍAS | O |

31 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI ANOS, cando foi o conto aquel do terremoto de Triacastela, houbera moita xente que con razón se asustara. A min, o día de marras collérame en Compostela, en pixama e cos apuntes diante. O tremor fixo erguerse a todos os veciños do edificio e un bo número saíran para a rúa por medo a que se derrubaran os inmobles. Aquela noite pasei máis de tres horas escoitando a radio. A xente chamaba dende todos os puntos da xeografía do país, máis ou menos asustada, e puidemos comprobar aliviados que non houbera nin víctimas, nin danos considerables. Unha noite como aquela deu pé tamén a numerosísimas situacións cómicas. Un señor maior comentárame como espertara no medio da noite pensando que tiña a alguén abaneándolle a cama, incluso pensou nun ladrón e non dubidou en coller a navalla. Tamén houbo quen empezou a cartuchazo limpo co terremoto, por mor de que o tremor fixera saltar a alarma do negocio e o señor pensaba que eran os ladróns que volvían por enésima vez. Tamén se deu o caso dos que, pensando que acababa o mundo, se vestiron de festa e marcharon rumbar por aí toda a noite, a rachar coa pana. Pero aínda esta semana me contaron unha anécdota sucedida naquela ocasión. Un matrimonio xa maior espertou porque a cama parecía que tiña o demo. A señora asustouse moito pero el, que é máis tranquilo, tomouno todo relaxadamente. Despois de constatar cos veciños que aqueles meneos se debían a un tremor de terra, díxolle con rexoubeo á muller que aínda andaba espantada, «veña María, imos para a cama se vén outro tembleque. A ver tan sequera se aproveitamos e facemos o labor cando volva o movemento».