«Hai quen aprendeu a andar aquí»

Carlos Cortés
carlos cortés SARRIA / LA VOZ

SARRIA

LÓPEZ PAZ

A cafetería Central de Sarria celebra mañá seu 25 aniversario

31 ene 2019 . Actualizado a las 20:17 h.

«A clientela habitual acaba sendo como unha familia á que ves a diario»

A festa de aniversario

Cando. Mañá venres a partir das nove da noite

O que se vai facer. Haberá pinchos, polbo á feira e bebida gratis. A partir das once actuará o grupo local de música tradicional Eoas. Están convidados todos os clientes do local

Pouco sabía Mari Carmen Balboa sobre hostelería cando a principios dos anos noventa se atreveu a abrir a cafetería Central. As súas únicas experiencias laborais daquela estaban vinculadas á traballos administrativos, pero cinco lustros anos despois o seu local segue aí, como unha referencia xa clásica da hostelería de Sarria. A cafetería Central cumpre 25 anos e os seus propietarios celébrano mañá cunha festa á que convidan a todos os seus clientes.

-¿Así que non sabía moito sobre hostelería cando abriu a cafetería en 1994?

-Esta cafetería foi a nosa estrea na hostelería, si. Para min e para o meu marido [José Antonio Copa, copropietario do negocio] era unha novidade total, aínda que a veradade é que sempre o tivéramos en mente. Tiñamos algún familiar que traballaba nisto. De feito, nos primeiros momentos, antes de que o meu home tamén se puxese a traballar aquí axudoume un curmán meu que si tiña experiencia.

-E como se atreveron a dar o paso?

-Soubemos de que estaba dispoñible este local no 112 da rúa Calvo Sotelo. Tardei un pouco en decidirme, pero pareceunos que era unha zona moi boa e acabamos por dar o paso e probar.

-É hoxe son un dos clásicos da hostelería en Sarria

-Si, a verdade é que así é. Daquela non había case cafeterías como esta, case ninguén abría á mañá cedo para dar almorzos a primeira hora, eramos moi poucos. Foi naquela época cando a hostelería empezou a aumentar en Sarria.

-Cal é a receita para soster un negocio así durante 25 anos?

-Pois hai que aguantar, botarlle moitas horas ao traballo e ser constantes, sempre facendo as mesmas cousas sen virte abaixo e ser capaz ao mesmo tempo de renovarte. É importante manter uns horarios de apertura estritos, abrindo sempre a mesma hora e descansando sempre os mesmos días.

-A oferta da cafetería é a mesma que a de hai 25 anos?

-Non. Fomos ampliando o que ofrecemos segundo nos parece que a clientela o vai demandando. Por exemplo, agora temos unha carta de racións e pratos combinados porque vimos que había esa demanda. É que estamos no Camiño de Santiago, no principios do itinerario que permite conseguir a compostela, así que moitos peregríns chegan a Sarria pola noite, cean, dormen e xa pola mañá almorzan e saen.

As racións funcionan ben desde hai anos, tamén poñemos coidado nos almorzos, nas tapas, que as tratamos con moito esmero. Temos unha tapa que poñemos todos os domingos desde hai 25 anos, a de bacallao, que hai moita xente que vén eses días exclusivamente por ela.

-Son moi importantes os peregríns para o seu negocio? Sosterianse só con eles?

-Non viviríamos só do Camiño, pero son un complemento moi apreciable. Hai que ter en conta que en Sarria a poboación se triplica no mes de agosto, entre a xente daquí que vive fóra o resto do ano e vén pasar as vacacións e os que fan o Camiño de Santiago. E peregríns hai moitos xa a partir de abril e ata o mes de setembro. Son un complemento moi bon para nós.

-Cambiou moito a hostelería en Sarria nestes 25 anos?

-Si que cambiou. Notouse moito a crise económica e tamén a fusión dos bancos. Antes había nesta zona máis sucursais que agora. A actividades de todos aqueles bancos xeraba un movemento de clientes moi considerable, sobre todo nos tempos nos que funcionaba ben a construción, que hoxe xa non hai.

-Din algúns hosteleiros que este negocio queima moito.

-Eu non estou cansa, para nada. Para traballar nisto un precisa ter ánimos, o cansanzo non é bon. Ao contraro, eu penso que cando nos retiramos vainos custar vivir sen isto. Aquí fas amizades, a clientela habitual acaba sendo como unha familia á que vés todos os días. Hai momentos complicados, pero tamén os hai moi gratificantes. Temos clientes que empezaron con nós, nenos aos que vimos aprender a andar neste local e que hoxe son habituais. Ademáis estar no Camiño de Santiago permíteche coñecer xente de todas as culturas e nacionalidades. Por riba do cansanzo, isto ten cousas moi boas. E é grazas a toda esa xente que podemos celebrar estes 25 anos.