Os que nacemos cara a mediados do pasado século medramos afogados politicamente, resignados economicamente, marcados relixiosamente, pero o de hoxe tampouco é moi normal.
Cando o casar pola Igrexa parece repugnar a moitos, temos vodas municipais, vodas polo xulgado, e as sempre vixentes de urxencia a cargo dun capitán de navío. Se o bautizo relixioso non vai coas crenzas da familia, substitúese por unha celebración municipal de acollida do novo cidadán. E xa se fala de primeiras comunións laicas, o que ten o seu aquel porque se os crentes reciben o corpo de Xesús, a saber o que lles terán que dar nos concellos para equiparar de xeito sensorial o que para os católicos é un Sacramento
Pois agora, a UXT propón á Consellería de Educación desvincular as vacacións de primavera da Semana Santa, fixándoas nos dez primeiros días de abril, para que o curso quede dividido en tres períodos de sesenta días lectivos e resulte máis racional a distribución de clases e vacacións.
Isto faime lembrar o Calendario Juliano co que o ministro de Educación dos últimos anos do franquismo, Julio Rodríguez, de raíces sarrianas -que din que Franco nomeou por erro- pretendeu que o curso comezase o un de xaneiro e finalizase o trinta e un de decembro, para axustarse ao período orzamentario.
Foi un disparate.. O seu autor pasar a posteridade pouco menos que como un desequilibrado. Dicirlle aos país que terán aos nenos na casa os 10 primeiros días de abril, e que a Semana Santa será lectiva, fai cavilar que traballar non traballarán, pero rir, teñen que rirse moitísimo.