O enclave castrexo que constituíu a vila inicial, para a súa posta en pleno valor precisa da dotación de aparcamentos e da complementación viaria. A Prazo da Constitución demanda a súa definitiva configuración, a posible apertura do treito alto da Rúa do Pombal Vello, o acondicionamento da Rúa dos Fornos de atrás, un bon acceso dende a zona de Santiago do Mercado en dirección á parte central do cemiterio e a dotación de acceso rodado desde A Calexa ata o mosteiro da Madalena, máis facilitado pola construción de vivendas no Bosque, que achegaría ese sector tanto á vila como aos novos accesos á vía de alta capacidade, son outras tantas actuacións que, antes de que sexa tarde, se deberían unir a creación de prazas de aparcamento.
Hai que ser conscientes de que un dos valores máis representativos que ten Sarria está constituído polo conxunto urbano e dotacional da zona histórica (A Vila) e que tódalas actuacións que se leven adiante deben ser obxecto de celoso coidado.
O que si parece é que, despois dos recentes labores de arranxo na Rúa Maior e as actuacións de embelecemento e recuperación patrimonial da man de moitos particulares, se no Prado de Tomás (agora coñecido como Prado de Batallón) se levan adiante as previsións urbanísticas de estafermos (no dicir de Camilo Gonsar), unha boa parte dos elementos definidores paisaxísticos de Sarria quedarán reducidos a contemplacións de tellados, tendais de roupa e traseiras de edificios. Socioloxicamente visións moi aleccionadoras, máis esteticamente intolerables.
A ver se chega o bon siso.